- Manuel Busto foi recibido polos concelleiros Carmen Gómez e Pedro Calvo
- O dramaturgo da obra, Gregor Acuña-Pohl, xa estivera o ano pasado en Valga recadando información sobre a bailarina para este proxecto
Valga, 24 de agosto de 2021.
O Museo da Historia afiánzase como reclamo turístico de Valga. No que vai de verán e, especialmente, en agosto, mes vacacional por excelencia, sucédense as visitas de persoas de moi diversas procedencias e algunhas delas de gran relevancia.
Se a semana pasada foi a familia de Xesús Ferro Couselo a que se achegou ás instalacións museísticas municipais, nos últimos días fixo o propio Manuel Busto, director musical da obra “La Bella Otero”, que o Ballet Nacional de España estreou en xullo no Teatro da Zarzuela. O compositor estivo no Museo atraído pola figura da bailarina da Belle Époque e foi recibido polos concelleiros Carmen Gómez e Pedro Calvo e por Vanessa Losada, técnica responsable do Museo que o guiou polo inmoble e lle explicou os fondos que nel se expoñen.
O Ballet Nacional ofreceu durante o mes de xullo en Madrid dez representacións do espectáculo baseado na traxectoria vital e artística da Bella Otero. “Foi un éxito, con todo o aforo completo”, ratifica o director musical. “Tralo verán, en setembro, comezaremos a traballar na xira nacional e internacional. Polo momento xa temos pechadas dúas datas na Maestranza de Sevilla, o 16 e o 27 de maio de 2022”.
“La Bella Otero”, creada e dirixida por Rubén Olmo e que relata a intensa vida da famosa e influente bailarina, unha muller que dende a súa orixe humilde foi quen de inventarse a si mesma a partir da violación que sufriu de nena. O argumento da obra transcorre por diferentes épocas da vida de Carolina Otero, comezando, como non podía ser doutro xeito, pola súa infancia en Valga e polo tráxico feito que marcaría a súa vida. Así, o espectáculo arranca cunha escena ambientada nunha romería popular galega, á que pon música de muiñeira o grupo Rarefolk. “As raíces da Bella otero están sempre presentes ao longo de toda a obra”, confirma Manuel Busto.
O compositor non foi a única persoa relacionada con este proxecto que visitou Valga e o Museo da Historia. No pasado verán fixo o propio Gregor Acuña-Pohl, responsable da dramaturxia de “La Bella Otero”, que estivo no municipio recadando información sobre os primeiros anos de vida da afamada e polifacética artista.