- O xurado visitou as obras de acondicionamento executadas polos veciños con materiais aportados polo Concello
- As tres actuacións máis valoradas recibirán premios de 300, 200 e 100 euros
Valga, 23 de agosto de 2021.
Os parques, espazos e infraestruturas públicas de Valga locen estes días a súa mellor imaxe a través do concurso “Embelecer Valga”.
Este certame premia ao lugar máis fermoso acondicionado e engalanado polos veciños e é convocado anualmente polo Concello dentro dos actos da Festa da Anguía e Mostra da Caña do País. O obxectivo é implicar á cidadanía no coidado dos lugares públicos, acometendo proxectos de mellora e accións de limpeza, mellora, dotación de equipamentos ou ornamentación de paraxes. O Concello aporta os materiais necesarios para a realización das obras.
Un total de dezasete lugares das cinco parroquias participaron nesta edición do concurso e o pasado sábado foi o día no que recibiron a visita do xurado, formado por un representante de cada comisión veciñal participante e os concelleiros de Cultura, Turismo e Patrimonio. Valoraron aspectos coma o deseño de xardíns e zonas recreativas, a orixinalidade e creatividade da decoración, o aproveitamento de recursos da zona e uso de materiais reutilizados.
As actuacións levadas a cabo foron as seguintes:
- Barcia: acondicionamento do parque
- Beiro: mantemento e limpeza do parque e acondicionamento do lavadoiro e do seu entorno
- Campaña: melloras no campo da festa
- Campaña (Eirexe): embelecemento do cemiterio parroquial
- Canle: Reposición de xardíns e outras melloras no parque
- Casaldeirigo: limpeza e mantemento no entorno da capela da Saúde e do parque infantil
- CEP Xesús Ferro Couselo: acondicionamento dos espazos exteriores do centro
- CEIP Baño-Xanza: melloras nas pistas de xogos
- CRA de Valga: acondicionamento de patios e outros espazos escolares
- Eiras: arranxo do lavadoiro
- Ferreirós: mellora do parque infantil
- Gándara: reparacións no parque
- Instalacións deportivas: acondicionamento e mellora da área deportiva de Baño
- Raxoi: Limpeza e mellora de fonte e lavadoiro
- Setecoros. embelecemento da zona exterior do cemiterio parroquial
- Vilar: acondicionamento do parque e do lavadoiro
- Vilarello: mellora do parque, casa veciñal e lavadoiro
O vindeiro sábado, no transcurso do acto central da XXXI Festa da Anguía e Mostra da Caña do País, daranse a coñecer os gañadores. O proxecto mellor valorado será premiado con 300 euros, un diploma e un agasallo e o segundo e terceiro clasificados recibirán os mesmos galardóns coa excepción da cantidade económica, que ascenderá a 200 e 100 euros respectivamente. As demais comisións participantes recibirán un diploma e unha gratificación de 100 euros.
Ademais, entregarase un premio especial de 150 euros para o grupo que realice un mellor mantemento do lugar durante todo o ano.