- A actividade inicidiu nos beneficios de incluír o peixe na dieta dos nenos e mozos
- Os participantes merendaron bocadillos de sardiñas e recibiron agasallos
Valga, 20 de agosto de 2021.
“Fai clic ao teu bocata”, unha actividade realizada en colaboración coa Consellería do Mar, chegou esta mañá á Escola de Verán para promocionar o consumo de produtos do mar e incidir nos hábitos alimentarios saudables a través das conservas de peixe e marisco.
O obradoiro incluíu unha presentación na que os monitores fixeron fincapé na necesidade de incluír o peixe na dieta dos nenos e mozos, explicándolles que unha das alternativas é introducir nas merendas os bocadillos de conservas, posto que estes produtos envasados manteñen practicamente todas as propiedades nutricionais.
A través dun vídeo, os rapaces coñeceron como viven algúns dos animais mariños máis consumidos, coma a sardiña, o atún e o calamar. Explicáronlles que artes se utilizan para a súa pesca e como se transforman en conservas.
O punto forte do obradoiro e o máis agardado polos nenos chegou ao remate, cando puideron degustar bocadillos de sardiñas en conserva con queixo e vexetais. Ademais recibiron agasallos promocionais coma mini neveiras para transportar os seus bocatas e folletos con receitas de diferentes tipos de bocadillos.