Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Álex Cortés, Arón Magán, Gustavo Tarrío e Marcos Gil formaron o equipo que se proclamou gañador

- Os dous grupos finalistas coñecerán os seus premios o día 28, durante os actos da Festa da Anguía e Mostra da Caña do País

AChefFinal1

Valga, 19 de agosto 2021.

“Anguía en salsa secreta” é o nome do prato que acadou a vitoria no concurso Anguía Chef, que onte celebrou a súa gran final no Parque Irmáns Dios Mosquera.

Álex Cortés, Arón Magán, Gustavo Tarrío e Marcos Gil –que substituíu a Pedro Ramos, que participara na proba eliminatoria– formaron o equipo gañador e cociñaron un prato con anguía á prancha como protagonista, acompañada de arroz e unha salsa na que o ingrediente máis sorprendente foi o leite condensado.

Tiveron coma duras contrincantes a Noa Piñeiro, Mirian Magariños, Alexandra Bandín e Sara Rodríguez, que presentaron un prato ao que chamaron “A anguía chegou a Valga” e que consistía en anguía guisada sobre unha base de arroz.

Os dous equipos tiveron unha hora de tempo para cociñar un prato con anguía no que podían empregar unha serie de ingredientes previamente seleccionados polo xurado e outros de libre elección. No transcurso do certame, tiveron que superar diversas probas coma atopar as potas e outros utensilios para cociñar que estaban agochados polo parque, engadir ás súas receitas ingredientes de última hora ou “fichar” a novos membros para os seus equipos.

O xurado do certame estivo formado polos cociñeiros Rocío Garrido, Fran Jamardo e Coque Fariña, o concelleiro de Cultura, Pedro Calvo, e Ángel, un mozo que seguiu a final como público. Valoraron cuestións coma a orixinalidade, o sabor, a presentación ou as técnicas empregadas. Dos dous pratos destacaron o bo tratamento que fixeron do produto estrela, a anguía. En concreto, sobre o prato gañador sinalaron que o peixe estaba “ideal”, crocante por fora e no seu punto, e que a cocción do arroz era perfecta.

Os dous equipos finalistas terán premios, que descubrirán o vindeiro 28 de agosto durante os actos da XXXI Festa da Anguía e Mostra da Caña do País.

AChefFinal2 AChefFinal3

AChefFinal4 AChefFinal5

AChefFinal6

Volver