- Pode verse no Auditorio Municipal ata finais do mes de marzo
- A valguesa Ángeles Garrido imparte clases de pintura ás socias do colectivo
Valga, 28 de febreiro de 2018.
A asociación de Mulleres Rurais San Xinés de Bamio e, máis en concreto, as oito socias que asisten a clases de pintura, expoñen durante todo o mes de marzo no Auditoiro Municipal a mostra “Mulleres creando”, que recolle algúns dos traballos que realizan nesta actividade impartida, dende hai dous anos, pola artista valguesa Ángeles Garrido. Foi ela, precisamente, a que promoveu a exposición xa que “parécenme traballos moi aceptables. Algunha das alumnas xa leva uns vinte anos pintando”, comenta.
Esta é a primeira mostra pública que protagonizan as mulleres rurais de Bamio, como explica a súa presidenta, Josefina Ordóñez. “Cando Ángeles o propuxo gustounos a idea e, o certo, é que a exposición quedou moi ben xa que a sala do Auditorio de Valga préstase para este tipo de actividades. Esperamos que a todo o público que a vexa tamén lle guste”.
“Mulleres creando” recolle arredor dunha vintena de cadros, dous ou incluso tres por alumna. As pinturas, de estilo costumista, están feitas con acrílico sobre lenzo e poden verse dende obras figurativas ata paisaxes ou motivos mariños, entre outros.