- Visitaron as obras de pavimentación, apertura de novos accesos, saneamento e iluminación executadas na Rúa Baixa
- O alcalde plantexou a José Manuel Miñones outras melloras en infraestrururas estatais e o desbloqueo de proxectos pendentes do goberno central
Valga, 12 de agosto 2021.
O delegado do Goberno en Galicia, José Manuel Miñones, realizou esta mañá unha visita institucional a Valga para comprobar o resultado das obras de urbanización executadas nos últimos meses na Rúa Baixa e no entorno do Parque Irmáns Dios Mosquera e do Centro de Interpretación da Caña do País, cun investimento de 175.085 euros, que foron aportados polo Ministerio de Transportes e Mobilidade tralas xestións realizadas polo goberno municipal.
Miñones foi recibido polo alcalde, José María Bello Maneiro, e os concelleiros do equipo de goberno Carmen Gómez, Begoña Piñeiro, Malena Isorna e Pedro Calvo. O delegado e os representantes do equipo de goberno mantiveron unha xuntanza na que Bello Maneiro lle lembrou varias actuacións que o goberno central ten pendentes de realizar en Valga dende hai tempo e plantexoulle outras melloras en infraestruturas de titularidade estatal, instando José Manuel Miñones a “realizar as xestións nos distintos ministerios para que estas demandas, boas e xustas para os veciños de Valga, se fagan realidade”.
O delegado, pola súa parte, anunciou ao alcalde varios investimentos a realizar proximamente no municipio por valor duns 500.000 euros. As dúas actuacións principais corresponden a dúas subvencións que foron solicitadas polo Concello. Unha delas ten como obxectivo a reparación de estradas e outras infraestruturas danadas polos temporais do ano 2019, cunha aportación de 112.000 euros que acaba de ser aprobada polo Ministerio de Política Territorial. A outra actuación afecta a 500 puntos de luz do alumeado municipal, nos que se cambiarán as actuais luminarias por outras de aforro enerxético. O investimento será de 199.000 euros.
Miñones tamén avanzou que, a comezos do ano 2022, se levarán a cabo melloras na contorna do xacemento Igrexa Vella e que nos vindeiros meses se continuará coa ampliación da banda ancha, dando servizo a 63 novas vivendas de diferentes núcleos.
Trala reunión o delegado do Goberno asinou no libro de honra do Concello e realizouse a visita á Rúa Baixa, que se pavimentou combinando formigón e granito do país. A pedra colocouse nas zonas máis nobres para poñer en valor os puntos salientables do percorrido, coma nos accesos ao Museo da Historia e á Praza do Concello. Tamén se levaron a cabo melloras no saneamento e na recollida de augas pluviais. Para mellorar o acceso ao Centro de Interpretación da Caña, habilitouse un camiño formado por pezas de formigón con formatos variables e, no exterior do edificio,instalouse mobiliario urbano.
Actuouse, así mesmo, na edificación emprazada á entrada do Parque Irmáns Dios Mosquera, que foi revestida con entaboado vertical de madeira, buscando a súa mellor integración na paisaxe. O lavadoiro existente baixo esta construción foi sometido a unha intervención para a súa posta en valor. Pavimentouse o seu entorno con lousas de granito e colocáronse bancos e luminarias para a valorización tanto da pía coma do espazo adxacente.
O proxecto tamén incluíu o acondicionamento dun pequeno aparcadoiro executado con terra estabilizada que conta, ademais, cun novo acceso dende a estrada N-550 a través dunhas escaleiras que se construíron aproveitando o desnivel existente. Por último, instalouse iluminación de alta eficiencia enerxética con lámpadas LED.
Durante o percorrido pola Rúa Baixa, o delegado do Goberno aproveitou para visitar o Museo da Historia e o Centro de Interpretación da Caña do País.