Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Susana Seivane, Uxía Senlle ou Abe Rábade son algúns dos artistas que subirán ao escenario

- Tamén actuarán a Banda Municipal de Valga e outras agrupacións da Escola de Música e do CSM

ConfluenciasPresentación2

Valga, 11 de agosto de 2021.

O alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira delegada da Escola de Música, Malena Isorna, asistiron esta mañá na Casa do Concello á presentación do Festival “Confluencias”, unha cita promovida pola Escola Municipal de Música e a asociación Musival, coa colaboración do Concello e da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta (Agadic). O acto contou tamén coa participación do director da Escola de Música, Manuel Villar Touceda, e a secretaria de Musival, Ana Portas Potel.

“Confluencias” nace con vocación de continuidade e co obxectivo de converter a Valga durante unha fin de semana en foco das miradas da industria cultural galega, aproveitando ademais o pulo do Xacobeo 21-22. O nome do festival alude á condición de vila xacobea de Valga, onde conflúen dous dos principais Camiños de Santiago, o Portugués –segundo en número de peregrinos– e a Ruta Marítimo-fluvial, a orixe de todos os camiños pola que chegou o corpo do Apóstolo. “Confluencias” refírese, ademais, ao propio carácter do festival, no que confluirán diversos estilos musicais: música clásica, de cámara, jazz, folk…

Os concertos desenvolveranse entre os días 3 e 5 de setembro co Auditorio Municipal como epicentro. Na xornada inaugural actuarán a Orquestra Clásica de Valga, integrada por mozos valgueses e que vén de actuar en Astorga, o Ensamble do CSM Galicia e a agrupación “El Barullo”, formada por profesorado da Escola de Música.

A xornada do sábado aproximarase máis “á música de improvisación”, explicou Manuel Villar, con artistas coma Nastasia Zürcher, solista de soul, a banda de jazz Alfonso Calvo Septet e, por último, Abe Rábade Trio, “que é o expositor do jazz en Europa en América”.

Para pechar o festival, o domingo actuará a Banda Municipal de Valga, que ofrecerá un concerto “con moitas sorpresas”, e as artistas galegas Uxía Senlle e a gaiteira Susana Seivane.

As actuacións serán de pago e as entradas poderán adquirirse a través de Ataquilla.com a partir dos vindeiros días. O aforo permitido, seguindo as normas sanitarias, será de 250 persoas.

CartelConfluencias

Volver