- A psicóloga do CIM traballou traballou cos nenos temas coma a corresponsabilidade ou os roles de xénero
- Realizaron unha xincana sobre as tarefas do fogar e outras actividades lúdicas
Valga, 10 de agosto de 2021.
A Escola de Verán, que o Concello organiza durante os meses de xullo e agosto para favorecer a conciliación laboral e familiar dos veciños de Valga durante as vacacións escolares, recibiu esta mañá a Belén Gavin, psicóloga do Centro de Información á Muller (CIM), para traballar a temática da igualdade.
A través de xogos e outras actividades lúdicas, a rapazada, de entre 4 e 14 anos de idade, reflexionou sobre asuntos coma os roles de xénero ou a corresponsabilidade. Cos máis pequenos realizou unha divertida xincana con diferentes probas, todas relacionadas coas tarefas do fogar. Desta maneira, reflexionaron sobre a importancia do reparto do tempo no eido doméstico e sobre as causas das desigualdades entre homes e mulleres. Poñer a mesa, dobrar a roupa e tendela foron algúns dos labores que tiveron que facer.
Aos mozos máis maiores, Belén Gavin faloulles sobre os estereotipos e roles de xénero e invitounos a repensar, dende unha perspectiva lúdica e deportiva, que é a igualdade.
Esta mesma actividade xa a realizara a psicóloga do CIM no mes de xullo cos participantes na primeira quenda da Escola de Verán. Dende comezos de agosto estase a desenvolver a segunda quenda, que conta con 26 inscritos. Durante as mañás, de 9:00 a 14:00 horas, os participantes realizan actividades educativas e de entretemento, saídas e excursións pola contorna e deportes. Mañá participarán nun obradoiro de compostaxe que será impartido pola mestra composteira do Concello, Silvia Torres.