- As propostas, acompañadas dunha fotografía do prato, teñen que enviarse por correo electrónico ata o día 22 de agosto
- O autor da mellor receita recibirá un lote de produtos galegos valorados en 100 euros
Valga, 9 de agosto de 2021.
A gastronomía segue a ser a protagonista durante o mes de agosto en Valga, agora coa posta en marcha do I Concurso de receitas de anguía e caña, que dende hoxe e ata o 22 de agosto ten aberto o prazo para participar.
O certame, que se desenvolve no marco da XXXI Festa da Anguía e Mostra da Caña do País ten como obxectivo dar a coñecer a ampla variedade de posibilidades culinarias que ofrecen estes dous produtos. Os participantes deben presentar unha receita de cociña na que o ingrediente principal sexa a anguía ou a augardente e enviala ao correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. acompañada dunha fotografía de calidade do prato finalizado.
A receita debe ir explicada especificando a seguinte información:
- Modalidade (tapa, prato principal ou sobremesa)
- Nome ou título da receita
- Número de racións
- Ingredientes, detallando as cantidades a empregar
- Pasos a seguir para a elaboración do prato
As propostas presentadas ao concurso serán publicadas nas redes sociais (Facebook e Instagram) e, unha vez rematado o prazo enviaranse ao xurado para a súa valoración. O tribunal estará formado por cociñeiros, representantes municipais e persoas vencelladas a Valga, que atenderán a criterios de creatividade e calidade técnica para elixir a receita gañadora. Outorgarase un premio único consistente nun lote de produtos galegos valorado en 100 euros.
O vencedor darase a coñecer o día 28 de agosto tanto nas redes sociais coma nos actos da Festa da Anguía e Mostra da Caña do País.