- Os integrantes da marcha pernoctaron onte en Valga, no pavillón municipal de Baño
- Bello Maneiro emprazounos a regresar ao municipio para coñecer todos os seus recursos
Valga, 5 de agosto de 2021.
O alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira Carmen Gómez recibiron onte no Concello a dúas representantes da asociación “Camiño Universal”, Rosa María Abella e María Araceli Merino que xunto a outros catorce peregrinos camiñan estes días cara Santiago.
Este proxecto, xurdido hai máis de 13 anos, ten como obxectivo a promoción dos valores universais, a concordia e a convivencia entre culturas a través da espiritualidade da Ruta Xacobea. Entre os días 2 e 9 de agosto cinco grupos diferentes que representan aos cinco continentes peregrinan por distintas vías para confluír na Praza do Obradoiro. Teñen como símbolo as rosas brancas, que todos portan durante a camiñata, e coas que, unha vez en Santiago, forman un ramo que ofrecen á Virxe da Corticela, que se venera nunha das capelas da Catedral.
O grupo do que forman parte Rosa María Abella e María Araceli Merino representa á Vía de Asia e partiu o luns dende Poio. Está formado por dezaséis persoas –nesta edición os participantes reducíronse debido á pandemia– que onte pernoctaron en Valga, no pavillón municipal de Baño. As representantes do “Camiño Universal” trasladaron ao alcalde o agradecemento de todo o grupo pola hospitalidade e polas facilidades para permitirlles empregar as instalacións municipais.
O alcalde, pola súa parte, emprazounos a gozar das paisaxes que ofrece Valga durante este breve paso e animounos a que o vindeiro ano visiten o municipio con máis tempo para poder coñecer todos os seus recursos, coma o Museo da Historia, os vestixios históricos, culturais e patrimoniais que se conservan ou as áreas lúdicas e de lecer.