- A obra de Beatriz Corbacho aborda o proceso de adaptación das prácticas agrícolas entre os séculos XVIII e XIX
- O acto celebrouse onte á tarde no Auditorio do Museo da Historia
Valga, 24 de xullo de 2021.
O Auditorio do Museo da Historia acolleu onte á tarde a presentación do libro “Labrando nutrientes. Intensificación agraria e manexo da fertilidade do solo nunha agricultura atlántica: Galicia, séculos XVIII e XIX”, obra coa que a investigadora Beatriz Corbacho González se proclamou gañadora da XX edición do Premio Xesús Ferro Couselo.
O acto contou coa participación do alcalde, José María Bello Maneiro, o concelleiro de Cultura, Pedro Calvo, e a autora do traballo, que aborda o proceso de adaptación ao que se viron abocadas as prácticas agrícolas e gandeiras a finais do século XIX para alimentar a unha poboación crecente e repoñer os nutrientes que precisaba o solo.
Beatriz Corbacho (Pontevedra, 1985) é licenciada en Historia e doutora en Historia Contemporánea. Na presentación explicou que este traballo, que foi a súa tese de doutoramento, realizouno en colaboración con investigadores doutras universidades de España (Sevilla ou Barcelona) e doutros países, principalmente Canadá. As principais conclusións da investigación son, por unha parte, que a finais do século XIX “produciuse un déficit de nutrientes provocado por un proceso de intensificación agraria que sobrepasaba as capacidades do solo para repoñerse” e, pola outra, que a agricultura galega estaba, naquela época, “á vangarda de Europa, introducindo sistemas de intensificación gandeira e agricultura mixta que permitían mellorar os niveis de fertilidade do solo e producir máis alimentos para unha poboación que estaba medrando”.
O traballo céntrase en dúas zonas concretas de Galicia: A Fonsagrada e Ribadavia, que foron escollidos pola investigadora debido á dispoñibilidade de fontes. “Ambos lugares compleméntanse moi ben” para a realización do traballo xa que un, A Fonsagrada, representa un sistema agrícola máis extensivo e característico do interior de Galicia e das provincias menos poboadas. Ribadavia, pola outra banda, estaría máis próximo aos modelos de agricultura intensiva das provincias da fachada atlántica.
Beatriz Corbacho sinalou “a honra e o orgullo” que supuxo para ela gañar o Premio Xesús Ferro Couselo. “Foi unha ledicia enorme porque o traballo tamén foi moi grande. Foron seis anos da miña vida”.
O alcalde, na súa intervención, referiuse a Ferro Couselo como unha das grandes figuras de Valga e de Galicia e destacou a valía dos membros do xurado que designaron a Beatriz Corbacho como gañadora da XX edición: “dous catedráticos da Universidade de Santiago, o responsable do Museo de Ourense e o neto de don Xesús. Con estes importantes persoeiros debe ser un orgullo ser recoñecida con este premio”, concluíu.