Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O proxecto é promovido polo Concello co obxectivo de ampliar a oferta de actividades deportivas e recreativas neste espazo natural

- A subvención foi aprobada na reunión da xunta directiva do GDR, á que asistiu a concelleira Begoña Piñeiro

Vistavilarello

Valga, 23 de xullo de 2021.

A xunta directiva do Grupo de Desenvolvemento Rural Salnés Ulla-Umia aprobou esta semana unha axuda de 9.247’54 euros para financiar a instalación dun circuíto biosaludable na área recreativa de Vilarello, un proxecto promovido polo Concello de Valga para ampliar a oferta de actividades e servizos que se ofrecen neste entorno natural.

A actuación consiste na creación dun novo espazo cun circuíto composto por dez elementos especializados para a práctica da actividade física e principalmente dirixidos á poboación maior. Patíns, bicicleta, elíptica ou pedais con asento serán algunhas das pezas que integren este parque.

Con este proxecto, que conta cun orzamento total de 12.633’25 euros, o Concello quere dotar á área fluvial de Vilarello de novos equipamentos, creando espazos axeitados para o seu uso por parte de todos os grupos de idade e ampliando a oferta de actividades deportivas, recreativas e culturais a desenvolver neste espazo, que atrae tamén a numerosos visitantes.

A axuda aprobada financiarase a través de fondos europeos do programa Leader, que é xestionado polo GDR co obxectivo de poñer en valor o rural nas comarcas do Ulla-Umia e O Salnés.

A reunión da xunta directiva do GDR celebrouse o mércores no Concello de Pontecesures e contou coa asistencia da concelleira Begoña Piñeiro, en representación do Concello de Valga. Nesta xuntanza aprobáronse 13 proxectos de concellos e outro presentado por unha comunidade de montes que suman un investimento de case 300.000 euros e para os que se concederán axudas por valor de 155.000.

ReuniónGDR1 ReunionGDR2

Volver