Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A expedición partiu de Valga o luns e na fin de semana ofrecerá varios concertos na localidade leonesa

- A actividade conta coa colaboración do Concello, que se fai cargo das viaxes en autobús

BandaAstorga1

Valga, 22 de xullo de 2021.

A Escola Municipal de Música trasladou durante esta semana a súa actividade á localidade leonesa de Astorga, onde desenvolve a XXII edición do seu campamento de verán, unha iniciativa que permite ao alumnado compartir unhas xornadas musicais e tamén experiencias de ocio.

A expedición partiu o na mañá do luns dende o Auditorio e a súa estadía en Astorga prolongarase ata este domingo. Na viaxe participan arredor de cincuenta músicos de dúas agrupacións da Escola Municipal: a Banda de Música e a Orquestra Clásica. Acompáñanos catro directores de diferentes especialidades, tres persoas colaboradoras da asociación Musival e dous monitores de tempo libre.

Durante a semana, os músicos asisten a clases colectivas e sesións de ensaio, que compaxinan con actividades de lecer e tempo libre e visitas culturais. Esta mañá foron recibidos no Concello de Astorga polo alcalde, Juan José Alonso Perandones, e a concelleira de Cultura, un acto previo aos concertos que protagonizarán esta fin de semana.

O sábado a Banda de Música Municipal actuará no Adro da Catedral de Astorga xunto coa Banda Municipal de Astorga. Para este concerto incorporaranse outros once músicos que non asisten ao campamento e que se desprazarán dende Valga.

As actividades pecharanse o domingo con outro concerto da Orquestra Clásica na Igrexa dos Padres Redentoristas, co acompañamento dun pianista e a solista Anna Melkhova.

Este campamento é organizado entre a Escola de Música e a asociación cultural Musival coa colaboración do Concello, que financia os traslados en autobús.

          BandaAstorga3                      BandaAstorga4

BandaAstorga2 BandaAstorga5

BandaAstorga8

BandaAstorga6

Volver