- O SAF sairá a licitación cun orzamento estimado de 2’08 millóns para os próximos catro anos
- O 26 de xullo e o 16 de agosto son os festivos designados polo Concello para o ano vindeiro
Valga, 20 de xullo 2021.
A Corporación municipal reuniuse na tarde de onte en sesión extraordinaria para aprobar o expediente de contratación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e aprobar o gasto correspondente, que se estima en 2’08 millóns de euros durante os vindeiros catro anos.
O servizo sairá proximamente a licitación por un período de dous anos iniciais, con posibilidade de dúas prórrogas anuais ata un máximo de catro anualidades. O obxecto do contrato é a atención domiciliaria de persoas que teñan limitada a súa autonomía persoal por motivos de índole física, psíquica ou social, ou en casos de desestruturación familiar. Teñen prioridade as persoas maiores con déficit de autonomía e persoas con discapacidade.
O SAF constitúe un recurso preventivo e asistencial que posibilita que as persoas maiores e dependentes permanezan na súa contorna de convivencia habitual, ofrecéndolles unha axuda de atención persoal que posibilita o seu desenvolvemento no propio domicilio e a súa integración comunitaria, evitando así situacións de illamento e exclusión.
O expediente de contratación do servizo foi aprobado cos votos a favor do grupo de goberno e do PSOE. Votou en contra o concelleiro das Mareas.
Na mesma sesión aprobáronse os festivos locais para o ano 2022, que serán os mesmos que este ano: o 26 de xullo, festividade de Santa Ana, e o 16 de agosto, San Roque. O grupo de goberno votou a favor da proposta, o PSOE abstívose e o concelleiro das Mareas votou en contra.