- O Concello recibiu da Consellería de Política Social unha subvención de 4.800 euros para esta acción de Voluntariado Xuvenil
- O alcalde destaca que a acción das persoas voluntarias permite que poidan realizarse actividades “en beneficio das familias de Valga”
Valga, 20 de xullo 2021.
A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia, Cristina Pichel, realizou esta mañá unha visita institucional a Valga para comprobar o traballo que realizan os voluntarios que colaboran co Concello a través do programa de Voluntariado Xuvenil da Consellería de Política Social, que aporta unha subvención de 4.800 euros, tal e como se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG).
Esta iniciativa está dirixida a mozos de entre 16 e 30 anos ten como obxectivo promover a participación social da cidadanía, especialmente da mocidade, para así transmitir á poboación a importancia da acción voluntaria e da solidariedade. Son en total oito as persoas voluntarias que durante este verán están a colaborar co Concello mediante a realización de actividades sociais, culturais, educativas e de ocio.
Na visita participaron o alcalde, José María Bello Maneiro, e os concelleiros Carmen Gómez, Begoña Piñeiro e Pedro Calvo. Xunto coa directora xeral, achegáronse ao recinto do CEIP Baño-Xanza, onde se desenvolve a Escola de Verán, na que participan boa parte dos voluntarios. Baixo a supervisión de monitores titulados, levan a cabo actividades lúdicas e xogos cos rapaces. “Intentamos que os nenos estean contentos e distraídos e que se relacionen entre eles, a pesar das dificultades da pandemia”, explica Nerea Bouzas, de 17 anos, unha das voluntarias. Ela e outros compañeiros compaxinan esta acción na Escola de Verán coa realización doutras tarefas nas oficinas municipais, onde “intentamos axudar o máximo posible”.
Cristina Pichel puxo en valor a aportación destas persoas voluntarias, ás que agasallou cunha camiseta. “Esta é unha boa fórmula para que as actividades poidan saír adiante e para que a mocidade se implique e participe activamente na vida comunitaria”, apuntou a directora xeral. O alcalde, pola súa parte, agradeceu o traballo que realizan os voluntarios e a súa disposición e gañas de aportar, axudando a que proxectos coma a Escola de Verán poidan saír adiante “en beneficio das familias de Valga, xa que lles facilita a conciliación”.