Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O artista catoirense ofreceu un espectáculo centrado nas músicas do Camiño de Santiago

- O evento foi promovido a través do proxecto turístico “Mar de Santiago” e do programa provincial “Musigal”

RoiCasal1

Valga, 19 de xullo 2021.

Máis de duascentas persoas asistiron onte na área fluvial de Vilarello ao concerto ofrecido por Roi Casal a través do programa “Musigal”, da Deputación Provincial, e do proxecto turístico Mar de Santiago, do que Valga forma parte xunto aos concellos de Pontecesures, Catoira e Vilanova.

Nun entorno natural privilexiado que forma parte da Ruta Xacobea marítimo-fluvial, o público gozou co espectáculo "As músicas do Camiño”, no que o artista catoirense parte da música tradicional chegada a Galicia polo Camiño de Santiago para enriquecela con novos aportes intentando manter sobre o escenario a esencia da cultura galega.

Con instrumentos coma a arpa céltica, a zanfona e o laúd coma o seu sinal de identidade, Roi Casal interpretou temas dos diferentes traballos discográficos publicados durante a súa carreira en solitario: “Lendas Douradas”, “Maxicamente Vello”, “Donos do noso destino” e “Son galego, son cubano”. Nunha parte do concerto estivo acompañado sobre o escenario polo seu pai Nando Casal, membro do grupo “Milladoiro”, do que Roi tamén formou parte entre os anos 2000 e 2009.

A actuación, que tivo unha duración de hora e media, pechouse coa canción “Vai alborexar”, que é a banda sonora do proxecto Mar de Santiago.

Entre os asistentes ao evento estiveron representantes de todos os concellos que forman parte desta iniciativa turística: o alcalde e o tenente alcalde de Vilanova, o rexedor e a concelleira de Turismo de Pontecesures e un concelleiro de Catoira, que acompañaron ao alcalde valgués, José María Bello Maneiro, e aos edís de Cultura e Turismo, Pedro Calvo e Malena Isorna. Tamén estivo en Vilarello o deputado provincial Manuel González, en representación da Deputación.

RoiCasal2 RoiCasal3

RoiCasal4 RoiCasal5

 

Volver