Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O tamaño dos peixes, procedentes da piscifactoría de Carballedo, oscila entre 16 e 20 centímetros

- Os concelleiros Carmen Gómez e Pedro Calvo participaron nesta acción para repoboar o couto de pesca existente neste espazo

Troit1

Valga, 17 de xullo de 2021.

O Concello e a Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra, a través da Xefatura territorial de Medio Ambiente, procederon onte á solta de cen exemplares de troita na Mina Mercedes, unha acción coa que se contribúe á repoboación do couto de pesca recreativa sen morte constituído na lagoa dende febreiro de 2012.

Os peixes contan cunha talla que oscila entre os 16 e 20 centímetros e proceden da piscifactoría de Carballedo (Cotobade). A solta realizouse en varios puntos da lagoa baixo a supervisión dun axente medio ambiental da Xunta, e coa participación dos concelleiros Carmen Gómez e Pedro Calvo.

A Mina Mercedes, que se localiza no lugar da Torre (Campaña), é a maior lagoa de orixe non natural da provincia de Pontevedra cunha extensión de arredor de 30.000 metros cadrados. No seu día foi unha explotación de arxila a ceo aberto vencellada á actividade industrial da empresa de cerámica Novo y Sierra e, posteriormente, o Concello promoveu a súa recuperación.

Na actualidade conforma un ecosistema de grande valor natural con comunidades vexetais formadas por árbores como salgueiros, amieiros e freixos e prantas como a espadana, a palla real ou a platanaria. Neste hábitat existe unha variada fauna avícola, sendo especialmente numerosas as poboacións de patos e gansos.

En 2012 a lagoa converteuse en couto de pesca sen morte para colectivos coma maiores e persoas con discapacidade, tendo como especie principal a troita. As repoboacións son frecuentes neste couto, para manter a súa actividade. A anterior realizárase en maio de 2020, cando se soltara cincocentos peixes.

Troit2 Troit3

Troit4 Troit5

 

Volver