- A actividade desenvolveuse nas instalacións deportivas de Campaña coa participación duns 70 xogadores
- Bello Maneiro destacou a oportunidade que tiveron os participantes de gozar co deporte e medrar en valores
Valga, 16 de xullo de 2021.
O alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira Carmen Gómez asistiron este mediodía á clausura do campus de fútbol que o Valencia C.F., en colaboración co Cordeiro, impartiu durante toda a semana nas instalacións deportivas de Campaña. O acto, que contou tamén coa presenza de Luis Serantes en representación da Federación Galega de Fútbol, tivo lugar no campo municipal de Baño.
O campus deu comezo o pasado luns, con arredor de setenta rapaces de entre 5 e 19 anos pertencentes ás categorías prebenxamín, benxamín, alevín, cadete e xuvenil. Mozos e tamén mozas tanto de Valga coma chegados doutros municipios da contorna e da provincia que contaron con adestradores da Academia Valencia C.F. –axudados por técnicos do Cordeiro– para planificar cada un dos exercicios e traballos a realizar. Estes centráronse sobre catro pilares fundamentais do xogo: técnica, táctica, físico e psicoloxía, co obxectivo de que os xogadores puideran amosar o seu talento e potencial.
Esta foi a primeira iniciativa deste tipo promovida polo Valencia en Galicia e, debido á gran acollida e bos resultados, xa se pensa na celebración dunha nova edición nos próximos meses. “As instalacións de Campaña son inmellorables e os participantes deron mostras dun alto nivel futbolístico”, destacan dende o club valencianista, que durante a semana desprazou tamén a Valga ao director técnico da súa Academia, Marco Otero, para supervisar a evolución campus. De orixes galegas, Otero explicou que decidiron realizar esta actividade conxuntamente co Cordeiro “polo proxecto social que desenvolven. É un club que quere facer algo polos nenos”.
A clausura incluíu a entrega de diplomas a todos os participantes e o intercambio de agasallos entre as autoridades e os representantes do Valencia, aos que o alcalde entregou unha botella conmemorativa da última edición da Mostra da Caña do País. O rexedor amosouse moi satisfeito de que Valga fora elixida como sede deste campus xa que permitiu aos rapaces gozar co deporte e medrar en valores.
Dende o Cordeiro transmiten tamén a súa satisfacción polos resultados desta experiencia, xa que a inscrición de participantes estivo ao nivel do agardado e foi unha oportunidade para amosar o potencial da canteira do club.