-Crearase unha nova zona de corredor aproveitando un patio interior inutilizado
- Tamén se mellorará a entrada principal e cambiarase o pavimento en varias aulas
Valga, 15 de xullo de 2021.
Aproveitando o período de vacacións estivais, as instalacións do CEIP Baño-Xanza son obxecto de novas obras de mellora, para completar a reforma integral que se executou o pasado ano e na que se investiron máis de 800.000 euros.
Nos últimos días, a Consellería de Educación deu inicio a unha serie de traballos para resolver certas carencias no recinto educativo, construído en 1973, e mellorar a seguridade dos usuarios, fundamentalmente os nenos que estudan no centro.
A principal actuación é a creación dun novo espazo cuberto de circulación aproveitando un patio interior que estaba inutilizado. Deste xeito créase unha nova zona de corredor practicamente fronte á entrada principal que favorecerá a circulación interna de persoas e evitará que o alumnado invada os espazos máis privados do profesorado e persoal do colexio (despachos, sala de profesores, etc.), polos que tiñan que pasar obrigatoriamente ata agora xa que era o único corredor existente que conectaba a parte anterior e posterior do edificio de Educación Primaria.
Este patio interior será cuberto para reconvertelo en zona de paso. Ademais, a conserxería conta cunha ventá directa a este espazo, co cal se xera unha especie de mostrador dende o que a conserxe poderá atender a calquera usuario ou visitante tendo, así mesmo, unha visión directa da porta de entrada.
Outra das actuacións que se levan a cabo é a ampliación da porta principal do colexio, que ten tan só 80 centímetros libres de entrada, moi escaso para un edificio polo que circulan máis de 400 usuarios diariamente e que imposibilita, por exemplo, acceder en cadeira de rodas. Aumentarase o oco desta entrada para instalar unha nova porta de 1’60 metros, no que quede polo menos un metro libre para a circulación de persoas para favorecer a accesibilidade.
Tamén se reporá a varanda da rampla de acceso dende o patio cuberto, que se atopa deteriorada. Colocarase unha nova de aceiro inoxidable, 1’10 metros de altura e dobre pasamáns.
Por último, mellorarase o pavimento de varias aulas mediante a colocación de tarima.
O orzamento destas obras ascende a 48.400 euros.