Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O convenio que asinarán Augas de Galicia e o Concello foi tratado esta mañá no Consello da Xunta

- O Concello convocou aos propietarios afectados a unha reunión a comezos de xullo e os planos atópanse expostos ao público

RioValgaDevesa

Valga, 15 de xullo de 2021.

O Concello e a Xunta de Galicia porán en marcha accións para minimizar o risco de inundacións nos ríos Valga e Louro, cun investimento por parte da administración autonómica de 1’25 millóns de euros.

O Consello da Xunta autorizou na súa reunión desta mañá a sinatura do convenio de colaboración entre a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, e o Concello para levar a cabo as obras necesarias para evitar as consecuencias de posibles desbordamentos nestes ríos.

Para avanzar na posta en marcha destas intervencións, Augas de Galicia xa ten adxudicados os traballos de redacción do proxecto de mellora do espazo fluvial do río Louro. Este contrato permitirá definir as medidas para canalizar este cauce nunha lonxitude de preto de 600 metros entre a estrada PO-548 e a liña do ferrocarril.

Tamén está adxudicada a redacción do proxecto para a protección da marxe dereita do río Valga, que incluirá a demolición do muro existente nesa marxe fluvial no entorno da estrada N-550. Será substituído por un novo muro sobre o que se aplicarán técnicas de bioenxeñaría.

A estas actuacións súmase a mellora do espazo fluvial do río Valga entre a vía do tren e A Devesa, para o que nos vindeiros días se licitará a redacción do proxecto.

Segundo o convenio aprobado hoxe, a Xunta asume integramente o financiamento das actuacións, a través do programa operativo Feder Galicia 2014/2020. Deste xeito, Augas de Galicia encargarase da contratación e execución das obras, así como da súa dirección e xestión ata a súa finalización.

Os propietarios de terreos afectados por estes proxectos foron convocados polo Concello a unha reunión a comezos do mes de xullo para explicarlles en que consistirán as obras. Os planos atópanse expostos ao público tanto nas dependencias do Concello coma no Auditorio para a súa consulta por parte dos veciños.

Volver