Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Haberá concursos, obradoiros, showcookings e catas nos que se enxalzarán a anguía e a augardente

- Por segundo ano a festa non contará con actos multitudinarios debido á situación da pandemia

AgostoGastronómico1

Valga, 14 de xullo de 2021.

O Centro de Interpretación da Caña do País acolleu esta mañá a presentación do “Agosto Gastronómico” que organiza o Concello de Valga con motivo da XXXI Festa da Anguía e Mostra da Caña do País, declarada de Interese Turístico de Galicia. O acto contou coa participación do alcalde, José María Bello Maneiro, o concelleiro de Cultura, Pedro Calvo, e os integrantes da empresa “Indo e Vindo”, que se encargará da realización das actividades: os chefs Fran Jamardo, Rocío Garrido e Coque Fariña.

Durante todo o mes de agosto desenvolveranse distintas iniciativas relacionadas coa gastronomía co obxectivo de enxalzar os dous produtos icónicos da festa: a anguía e a caña. Haberá concursos, obradoiros, catas e showcookings nos que a participación será gratuíta, pero que terán un carácter solidario. Os inscritos deberán aportar un quilo de alimentos non perecedoiros que serán distribuídos entre as familias sen recursos a través do departamento de Servizos Sociais.

A programación dará comezo o día 4 de agosto cun obradoiro de cociña para nenos de entre 5 e 12 anos no Parque Irmáns Dios Mosquera. Elaborarán dous pratos: un salgado, que terá como ingrediente principal a anguía, e un doce.

Entre o 12 e 18 de agosto terá lugar o concurso Anguía Chef, dirixido a mozos de entre 13 e 18 anos. Durante estas dúas xornadas, catro equipos integrados por catro rapaces competirán por ser os mellores cociñando anguía. Deberán superar unha primeira eliminatoria para clasificarse para a gran final do día 18 e haberá premios para os gañadores.

O Centro de Interpretación da Caña acollerá tamén tres showcookings. Serán os días 13, 20 e 29 de agosto. No primeiro, co título “A caña no prato”, os chefs cociñarán en directo catro tapas realizadas con caña do país, que os asistentes poderán degustar. A segunda demostración será “Universo anguía” e consistirá na realización de catro petiscos que terán a este peixe como ingrediente principal. O último showcooking será “Moito máis que caña” e correrá a cargo do cocteleiro Diego Dasilva, que preparará catro cócteles con augardente do país.

Outra das actividades prevista no marco deste mes dedicado á gastronomía será unha cata-maridaxe que se celebrará no xardín posterior do Museo da Historia o día 25 de agosto. Os participantes degustarán catro pratos –tres salgados e un doce– preparados con anguía e caña.

Debido á situación sanitaria todas estas actividades teñen un aforo limitado a 25 persoas, agás Anguía Chef no que concursarán catro equipos formado por catro rapaces cada un. Para participar será necesario cubrir unha folla de inscrición e as solicitudes atenderanse por orde de entrada no Rexistro do Concello.

Concursos de fotografías e de receitas

A programación complétase con dous concursos de fotografías e receitas. Ao primeiro poden presentarse imaxes relacionadas coa anguía, a caña do país e o Camiño de Santiago ao seu paso por Valga e desenvolverase a través das redes sociais Facebook e Instagram. Concederanse tres premios consistentes en tres lotes de produtos galegos valorados en 100 euros cada un.

No tocante ao concurso de receitas de anguía e caña, as persoas interesadas en participar poderán enviar a través de correo electrónico as súas propostas culinarias elaboradas con estes produtos, acompañadas dunha fotografía e unha explicación sobre a súa preparación. O premio para o gañador será tamén un lote de produtos valorado en 100 euros.

O concelleiro de Cultura, Pedro Calvo, destacou que “durante todo un mes a anguía e a caña van a reforzar a súa presenza nas actividades de Valga” e engadiu que “este proxecto chega para quedar en próximos anos”, xa que un dos seus obxectivos é “reforzar o apartado gastronómico da festa” e, ademais, potenciar o consumo destes dous produtos por parte dos veciños.

Neste sentido, a cociñeira Rocío Garrido apuntou que nestas actividade traballarase con “receitas que os asistentes poidan facer nos seus fogares” e, en canto á caña, quixo destacar que “non só é bebela, tamén serve para cociñar e queremos poñela en valor”.  No tocante á anguía, o seu compañeiro Fran Jamardo referiuse á súa versatilidade. “A xente está acostumada a degustala en dúas ou tres preparacións concretas, pero é un peixe que ofrece moitas posibilidades e, de feito, é moi empregada na gastronomía doutras zonas tanto a nivel nacional coma internacional”.

O alcalde pechou o acto animando a todos os veciños a participar nas actividades, que “están pensadas para eles” e que contan coa colaboración de empresas locais como Bodegas Torres Augusti e Vermutería La Fabulosa.

XXXI Festa da Anguía e Mostra da Caña do País

O Concelleiro de Cultura avanzou, ademais, que nesta edición da festa non haberá grandes actos, como xa acontecera o ano pasado debido á pandemia. “A situación é complicada e non sabemos como evolucionará de aquí a finais de agosto”, polo que debe impoñerse a prudencia evitando organizar actividades multitudinarias. Non haberá, polo tanto, verbena nin degustación no Parque Irmáns Dios Mosquera na última fin de semana de agosto, aínda que si se organizarán outras actividades de pequeno formato que sexan seguras para os asistentes. O cartel definitivo aínda está sen pechar.

Entre as actividades que se manteñen atópanse a Ruta de Tapas nos locais de hostalería, que terá lugar nas dúas últimas fins de semana de agosto, e o Concurso da Caña do País, que se celebrará os días 26 e 27.

AgostoGastronómico2 AgostoGastronómico3

AgostoGastronómicoCartel

 

Volver