Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A primeira quenda, que durará ata finais de xullo, conta con trinta nenos participantes

- Participan en xogos, deportes e actividades educativas sobre igualdade ou o medio ambiente

EV21 1

Valga, 13 de xullo de 2021.

A Escola de Verán organizada polo Concello para favorecer a conciliación laboral e familiar dos veciños de Valga durante as vacacións escolares deu comezo esta semana con todas as prazas cubertas na primeira quenda, que se prolongará ata finais de xullo.

Trinta rapaces de entre 4 e 14 anos participan dende o luns nas actividades que se desenvolven no recinto do colexio Baño-Xanza de 9:00 a 14:00 horas. Nestas primeiras xornadas, realizaron dinámicas de presentación e comezaron a traballar sobre temáticas coma o coidado do medio ambiente, con iniciativas coma a realización dun mural con follas secas e flores que os propios nenos recolleron na contorna. A reciclaxe ou as enerxías renovables serán outros dos temas que traballarán no eido medioambiental.

A Escola de Verán fomentará, ademais, valores baseados na igualdade de xénero e na concienciación dos rapaces para construír un mundo máis respectuoso, igualitario e xusto. Ao mesmo tempo, haberá espazo para o entretemento con actividades lúdicas, xogos, saídas e excursións pola contorna e deportes. Esta mañá, por exemplo, o grupo dos maiores xogaba ao brilé nas pistas deportivas do colexio.

A situación de pandemia obrigou ao Concello a adoptar medidas para garantir a seguridade na Escola de Verán, que é gratuíta para as familias. Deste xeito, limitáronse as prazas a trinta inscritos por quenda e as actividades desenvolveranse ao aire libre, empregando os espazos abertos e o patio cuberto do colexio. Ademais, creáronse grupos burbulla.

No mes de agosto, entre os días 2 e 20, haberá unha segunda quenda.

EV21 2 EV21 3

EV21 4 EV21 5

Volver