- As sesións de adestramento, dirixidas por técnicos do club valencianista, desenvólvense no complexo deportivo de Campaña
- Esta actividade “será un factor positivo para o club e permitiranos a amosar o potencial da nosa canteira”, afirma o presidente do Cordeiro
Valga, 12 de xullo de 2021.
As instalacións deportivas municipais de Campaña albergan dende esta mañá o campus de verán de fútbol que organizan conxuntamente o Cordeiro e o Valencia C.F. A actividade conta con 71 nenos inscritos de categorías prebenxamín, benxamín, alevín, cadete e xuvenil e prolongarase ata o vindeiro venres, cando está prevista a clausura.
As sesións de adestramento desenvólvense en horario de mañá, de 9:00 a 14:00, dirixidas por dous técnicos do Valencia, aos que acompañan outros tres adestradores do Cordeiro, todos eles titulados. Na mañá inaugural tivo lugar a benvida de todos os participantes e a entrega a cada un deles do equipamento oficial do Valencia, así coma unha camiseta, unha gorra e unha bolsa.
Cada xornada inclúe dobre sesión de adestramento baseadas na metodoloxía do Valencia C.F. e na que os nenos e mozos realizan traballos tácticos, de coordinación e outras tarefas coas que, ademais de promover a actividade deportiva, se tratan de inculcar valores coma a deportividade e o respecto ligados ao entretemento.
José Ramón Seco, presidente do Cordeiro, e o seu compañeiro de directiva Ángel Carou presenciaron as primeiras sesións e explicaron que este é “o primeiro campus que o Valencia realiza en Galicia e cremos que será un factor positivo para o Cordeiro C.F. e para a zona, xa que nos axudará a amosar o potencial que temos na nosa canteira. Ademais, contribuirá a dar a coñecer as instalacións das que dispoñemos en Valga”, coma o propio complexo deportivo de Campaña, que o Concello cedeu para a realización destas actividades. Este foi, de feito, un dos factores que permitiron que este campus se celebre en Valga. “Foi difícil conseguilo, tendo en conta que se trata dun club de Primeira División, pero gustáronlles as instalacións e tamén a forma de traballar que temos no Cordeiro”.
No club valgués están tamén satisfeitos coa “gran acollida” que o campus tivo entre os cativos e os mozos da zona. “A resposta foi sobresaínte e cubríronse as prazas previstas”.