Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A obra, que relata a vida da artista valguesa, represéntase en Madrid ata o vindeiro 18 de xullo

- O dramaturgo Gregor Acuña-Pohl estivera o ano pasado en Valga recadando información sobre a bailarina para este proxecto

BalletBellaOtero1

Valga, 8 de xullo de 2021.

A Bella Otero segue a ser a estrela que un día embelesou ao mundo. A diva da Belle Époque eríxese, durante dúas semanas, en protagonista absoluta do Teatro da Zarzuela de Madrid da man do Ballet Nacional de España, que dende onte e ata o día 18, pon en escena a obra “La Bella Otero”, creada e dirixida por Rubén Olmo e que relata a intensa vida da famosa e influente bailarina, unha muller que, dende a súa orixe humilde en Valga foi quen de inventarse a si mesma a partir da violación que sufriu de nena.

É unha reflexión sobre o maltrato, a ambición, o éxito, a incapacidade de amar e a soidade. “Trátase dun espectáculo moi emotivo e tamén dramático, porque conta a historia dunha muller que chega ao máis alto e termina soa e olvidada”, afirma o director. Rubén Olmo quedou fascinado pola figura da Bella Otero hai máis de dúas décadas cando, por casualidade, atopou nun mercado varias postais da bailarina. A partir delas comenzou a investigar e xurdiu este proxecto que demostra que Carolina Otero e a súa historia seguen a levantar paixóns na actualidade.

O encargado da dramaturxia foi Gregor Acuña-Pohl, que o pasado verán, durante o proceso de documentación para este proxecto, visitou Valga e, en concreto, o Museo da Historia, onde foi recibido polo alcalde, José María Bello Maneiro. “O máis importante para min era amosar a unha persoa con moito magnetismo, carisma e forza”, indica referíndose á artista valguesa.

GregorMuseo0

O argumento de “La Bella Otero” transcorre por diferentes épocas da vida de Carolina Otero, comezando, como non podía ser doutro xeito, pola súa infancia en Valga e polo tráxico feito que marcaría a súa vida. Así, o espectáculo arranca cunha escena ambientada nunha romería popular galega, á que pon música de muiñeira o grupo Rarefolk.

BalletBellaOtero2

Patricia Guerrero e Maribel Gallardo son as dúas bailarinas que interpretan á Bella Otero nas diferentes etapas da súa vida e refírense a ela coma “unha muller transgresora ante unha sociedade machista, cun instinto de supervivencia brutal” e que potenciou como ningunha outra “o seu carisma e sensualidade para acadar o éxito”.

Trala súa estrea en Madrid, “La Bella Otero” ten previsto percorrer outros teatros e salas de España, entre eles o Teatro da Maestranza de Sevilla na primavera de 2022.

O Ballet Nacional de España

O Ballet Nacional de España é a compañía pública referente da danza española dende que se fundou en 1978, con Antonio Gades como primeiro director. Forma parte das unidades de produción do Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música (Inaem), pertencente ao Ministerio de Cultura e Deporte. A súa finalidade céntrase en preservar, difundir e transmitir o patrimonio coreográfico español, recollendo a súa pluralidade estilística e as súas tradicións. Asimesmo, trballa para achegar o mundo da danza a novos públicos.

Volver