Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O alcalde felicitouna no seu domicilio e agasallouna cun ramo de rosas e doces

- A centenaria, que vive en Cerneira, soprou as candeas acompañada polos representantes municipais

MaríaBouzas105 1

Valga, 8 de xullo de 2021.

A veciña máis lonxeva de Valga, María Bouzas Senín, está hoxe de aniversario. Cumpre 105 anos e, para celebralo, o alcalde, José María Bello Maneiro, visitouna no seu domicilio e transmitiulle os parabéns en representación do goberno municipal e de todos os veciños do municipio, que teñen nesta muller de Cerneira un exemplo de vitalidade e de enerxía.

O rexedor estivo acompañado na visita polas concelleiras Carmen Gómez, Begoña Piñeiro e Malena Isorna, que agasallaron á centenaria cun ramo de rosas e varios doces, entre eles unha torta na que soprou as candeas co número 105.

María Bouzas recibiu aos representantes municipais con ledicia e tan faladora coma sempre, contando algunhas das afeccións que aínda mantén –coma dar paseos polos arredores da súa vivenda axudada por un andador– e outras historias sobre este último ano, no que tivo forza dabondo para superar a Covid-19 e sen ningún síntoma nin molestia. “Pasouna como se nada”, confirma a súa filla.

Agora, xa vacinada, comezan a normalizarse de novo as reunións coa súa familia e, de feito, esta fin de semana reuniranse para celebrar os 105 anos. O alcalde emprazouna a asistir o vindeiro ano, se a pandemia o permite, ao Encontro cos Nosos Maiores, no que xa participara en 2019 cando tiña 102 anos.

Ademais de María Bouzas, Valga conta con outros dous veciños centenarios: Hipólito Cerqueiras Pardal, de Moldes, que esta semana cumpriu 101 anos, e Regina Grela Fernández, de Campaña, que os cumprirá a finais de mes.

          MaríaBouzas105 2            MaríaBouzas105 3

MaríaBouzas105 1 MaríaBouzas105 4

boton facebookboton twitter   boton youtube

boton cita previa sede

boton extensions

boton sede electronica

boton bandos

boton rueiro

boton tempo

boton obradoiro

Volver