Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O alcalde, José María Bello Maneiro, a xefa da área provincial de Turismo de Galicia e a presidenta da asociación Albor entregaron os premios ás mellores composicións

- A mostra permanecerá aberta ao público durante toda a xornada de mañá

ca14

Valga, 24 de febreiro de 2018.

A XII edición da Exposición da Camelia Bella Otero, que dende este mediodía e ata mañá pola noite pode verse no Auditorio Municipal, conta coa participación de arredor dun cento de expositores de distintas vilas de Galicia, colectivos sociais e particulares de Valga.

A mostra foi inaugurada esta tarde polo alcalde, José María Bello Maneiro, a xefa da área provincial da Axencia Turismo de Galicia en Pontevedra, Mª Ángeles Herrero Pérez, e Rosa Crespo, presidenta das Mulleres Rurais Albor, que organizan anualmente a exposición. Esta última destacou que este é un ano de conmemoracións, xa que ademais do 150 aniversario do nacemento da Bella Otero, a asociación que preside cumpre o mes que ven 25 anos. O alcalde felicitouse porque “cada vez son máis os participantes na mostra da camelia”, mentras que a representante da Xunta aludiu á “enorme pegada que esta flor única ten deixado en Galicia, levantando paixóns non só entre os profesionais, senón tamén na cidadanía”.

Son quince os expositores profesionais e coleccionistas que participan na mostra, chegados de Tomiño, Tui, Rianxo, Santiago, Vigo, Padrón, Domaio, Cuntis, Porriño e Redondela, ademais de Valga, representada pola propia Rosa Crespo que, xunto a Jaime Escofet, deu orixe no ano á variedade de camelia chamada “Bella Otero”. Tamén participa a Estación Fitopatolóxica do Areeiro. No Auditorio poden verse camelias Chinas, do Xapón, de Vietnam ou italianas e están tamén representandas as últimas novidades no tocante a esta flor, como as camelias amarelas ou a variedade “Black magic”. Outros stands ofertan bixutería e distintos produtos elaborados con camelias ou coas súas sementes, dende incenso aromático, a xabóns, aceites corporais ou cremas faciais.

No tocante aos colectivos sociais de Valga, son 24 os que participan: os colexios e as súas respectivas asociacións de pais de alumnos, o Centro Rural Agrupado, a Escola Infantil, a asociación Heroes de Casaldeirigo, Palilleiras A Bella Otero, A Eira, asociación veciñal de Vilarello, Amigos do Belén, Musival, Asdivalu, Axentiva, Adeval, asociación teatral A Bella Otero e o colectivo cultural de San Miguel. A eles sumáronse as asociacións Amigos Tudenses da Camelia, de Tui, e Poza da Moura, de Domaio.

Estes colectivos, así como outros 43 particulares e os 20 participantes do Campus Sénior aportan á exposición composicións feitas con camelias. Foron bastantes os que atenderon a petición da organización de homenaxear á Bella Otero polo seu 150 aniversario, elaborando traballos relacionados coa diva da Belle Époque.

Ao mediodía, un xurado integrado por membros da asociación Albor, dous representantes do Concello e outro da Sociedade Española da Camelia, fixeron un percorrido pola mostra para valorar todas estas composicións presentadas ao certame, puntuando tanto a beleza das mesmas e a orixinalidade como a calidade da flor. Os premios entregáronse despois do acto de inauguración e recaeron en:

A Camelia Bella Otero no mundo:

  1. Dolores Campos Conde
  2. Aida Castiñeiras
  3. Encarna García Castro

A Camelia Bella Otero en Galicia:

  1. Nieves Santiago Isorna
  2. Samuel Romero
  3. José López Castiñeiras

A Camelia Bella Otero en Valga:

  1. Adelina Viña
  2. Carmen Louro
  3. María Gil

Mellor presentación:

  1. Mercedes Mondragón
  2. Irene Sanmarco
  3. Ana Rodríguez Blanco

Entregouse tamén un accésit á familia Dios, de Valga, representada no acto por Esther Dios e que é participante habitual desta exposición.

A tarde inaugural contou coas actuacións da Coral Polifónica Santa Comba de Cordeiro e solistas da Escola de Música dentro da actividade “Música entre Camelias”.

A XII Exposición da Camelia Bella Otero permanecerá aberta ao público durante toda a xornada de mañá.

ca1 ca2 ca3 ca4 ca5 ca7 ca8 ca9 ca10 ca11 ca12 ca13

Volver