- É un dos cinco centros de ensinanza de Galicia elixidos pola Xunta para o bienio 2021-2023
- O alumnado desenvolverá un proxecto científico coordinado por profesorado do instituto e da Universidade
Valga, 7 de xullo de 2021.
O IES de Valga acaba de ser seleccionado coma un dos cinco centros de ensinanza de Galicia que se incorporarán ao Bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxía (STEMbach) para o período 2021-2023. Así o anunciou a dirección do centro, que explica que este é un programa no que o alumnado desenvolve un proxecto científico codirixido por profesorado do centro e por un profesor universitario.
“O proxecto presentado polo centro recolle tres liñas de investigación: unha de saponificación, unha de farmacoloxía e outra de óptica, que van ser desenvolvidas, respectivamente, con persoal investigador do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares, da Facultade de Farmacia e da Facultade de Física da Universidade de Santiago. Estas liñas foron deseñadas para poderen acoller unha ampla variedade de propostas dentro do ámbito científico en función dos intereses do alumnado”, explica o director do IES, Eliseu Mera.
O alumnado participante neste proxecto vai ter unha mención especial no expediente que lle pode abrir as portas para diversas iniciativas da área científica.