- O emisario desembarcou en Vilarello, fixo un percorrido pola área de lecer e probou a caña do país
- A visita produciuse por iniciativa do proxecto turístico Mar de Santiago, do que forma parte o Concello de Valga
Valga, 30 de xuño de 2021.
O embaixador de Rusia en España, Yuri P. Korchagin, percorreu onte a ruta xacobea marítimo-fluvial e achegouse aos concellos que forman o proxecto turístico Mar de Santiago.
A expedición, da que formaron parte o alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira de Turismo, Malena Isorna, partiu en catamarán de Vilanova de Arousa ás 18:00 horas e, logo dun breve alto en Catoira, chegou a Vilarello pasadas as 19:30. O embaixador, ao que acompañaban dous cosacos uniformados, desembarcou no pantalán e realizou un percorrido pola área fluvial e de lecer, guiado polo alcalde que lle deu a coñecer algúns dos recursos culturais, históricos e gastronómicos cos que conta Valga.
Bello Maneiro agasallou a Yuri Korchagin cunha botella conmemorativa da última edición da Mostra da Caña do País e, a continuación, brindaron con augardente de Valga. Após desta parada en Vilarello, o catamarán continuou o seu percorrido ata o porto de Pontecesures e, dende alí, o emisario seguiu a súa peregrinación ata Santiago.
Este percorrido do embaixador ruso pola ruta da Traslatio, o xermolo do Camiño de Santiago, xestouse hai unhas semanas na Feira Internacional do Turismo (Fitur) na que participou Mar de Santiago. O traballo de promoción realizado para dar visibilidade á marca tanto a nivel nacional coma internacional está a dar froitos. Varios touroperadores amosáronse xa interesados en comercializar este produto turístico e, agora, esta visita do embaixador de Rusia agárdase que axude a abrir portas no mercado daquel país.