- Os aprendices instalaron nos últimos días uns vinte metros de balaustrada de madeira
- Tamén repuxeron algunhas pezas deterioradas no pantalán
Valga, 29 de xuño de 2021.
O módulo de carpintería do Obradoiro de Emprego Ulla-Umia V está a traballar dende comezos desta semana na área fluvial de Vilarello, onde están a renovar parte das varandas de madeira que se atopaban máis deterioradas.
Os traballos céntranse na zona do pantalán. Os aprendices colocaron uns vinte metros de nova balaustrada neste entorno e, ademais, cambiaron varias pezas que se atopaban deterioradas na propia estrutura do pantalán. As tarefas tamén inclúen o pintado da varanda antiga que se conserva para unificar a cor.
Con anterioridade a esta actuación, os alumnos de carpintería do Obradoiro estiveron a traballar na Mina Mercedes realizando tarefas moi similares, xa que renovaron toda a varanda perimetral da lagoa. Colocaron postes sobre os que se asentou a estrutura, que consta de pasamáns, un listón de madeira que conecta os postes entre si e travesas. Os aprendices encargaronse da colocación de todas as pezas pero tamén da súa preparación e barnizado.
Nos vindeiros días os aprendices regresarán a este entorno para colocar tamén un peche de madeira nos terreos anexos á entrada á lagoa.