Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- As obras gañadoras daranse a coñecer a finais do mes de xullo, coincidindo co aniversario do nacemento do historiador valgués

- O certame, convocado polo Concello dende 1996, trata de promover e incentivar os estudos actuais de investigación no campo das ciencias históricas

premioferrocouselo

Valga, 25 de xuño de 2021.

Un total de sete traballos optan a gañar a XXII edición do Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo nas súas dúas modalidades.

Son catro as investigacións que recibiu o Concello para a primeira modalidade do Premio, dotada con 4.000 euros e referida a traballos de investigación de ámbito galego, dentro das especialidades de etnografía, paleografía, numismática, arqueoloxía, historia e historia da arte. As bases do certame establecen que as obras, presentadas baixo pseudónimo, deben estar escritas en galego e ser inéditas, cunha extensión dun mínimo de 50 folios e un máximo de 300.

Á segunda modalidade, pola que se convoca unha bolsa de estudos para proxectos centrados en estudos históricos, etnográficos ou sobre persoeiros do municipio de Valga, concorreron outros tres traballos. Neste caso os participantes tiñan que presentar un guión razonado detallando os obxectivos que pretenden acadar co seu proxecto, a metodoloxía a empregar e as distintas fases de realización. Esta bolsa está dotada con 3.000 euros. O 25% desta cantidade entregarase unha vez fallado o premio e o 75% restante ao remate do proxecto.

O prazo para presentar traballos pechouse o pasado 15 de xuño e os gañadores daranse a coñecer o vindeiro 30 de xullo, coincidindo coa data de nacemento de Xesús Ferro Couselo.

Nas vindeiras semanas terá lugar a reunión do xurado, que estará integrado Pegerto Saavedra Fernández, catedrático de Historia Moderna na Universidade de Santiago de Compostela e membro da Real Academia Galega; Xulio Rodríguez González, director do Museo Arqueolóxico de Ourense e facultativo do corpo superior de museos; Pablo Sánchez Ferro, neto de Xesús Ferro Couselo, director do Arquivo Municipal de Ourense e técnico superior do corpo facultativo de arquiveiros da Xunta de Galicia; e Marcial Gondar Portasany, catedrático de Antropoloxía Social da USC, membro da sección de Etnografía do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento e do padroado do Museo do Pobo Galego. O Concello resérvase a Presidencia e a Secretaría do tribunal.

As obras premiadas quedarán en poder do Concello, que se reserva o dereito de publicación.

O Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo é convocado polo Concello de Valga dende o ano 1996, no que a Real Academia Galega adicou o Día das Letras Galegas a Xesús Ferro Couselo, Fillo Predilecto de Valga e insigne figura da cultura galega. Con este certame trátase de promover e incentivar os estudos actuais de investigación no campo das ciencias históricas.

Na pasada edición o gañador da primeira modalidade foi o cambadés Ramón Falcón, coa obra “As ribeiras do Ulla no século XVIII. Os usos da auga”. Na segunda modalidade, a proposta elixida polo xurado foi “A voltas co alambique”, de Lucía Santiago, veciña de Senín (Xanza).

Volver