- Contacontos, maxia e monicreques foron algunhas das iniciativas que se levaron a cabo no CRA, nos colexios e no IES
- A responsabilidade de alumnos, familias e profesorado permitiu que o curso, marcado pola pandemia, se desenvolvera con relativa normalidade
Valga, 22 de xuño de 2021.
Os centros educativos valgueses celebraron esta mañá o remate do curso con distintas iniciativas culturais e lúdicas para o seu alumnado.
As escolas unitarias, os colexios de Infantil e Primaria e o IES de Valga pechan así un curso académico marcado pola pandemia pero que lograron desenvolver con relativa normalidade grazas á responsabilidade dos estudantes, as familias e os equipos docentes e directivos á hora de cumprir os protocolos anti-covid. Por iso as celebracións cobran se cabe maior significado.
Os rapaces do CRA de Valga festexaron o remate das clases nas súas respectivas escolas (Campaña, Forno, Ferreirós, Vilarello, Xanza e Chenlo), cun encontro coas familias e coa realización de obradoiros, xogos e manualidades, ademais de merendas saudables. Deron por clausurado tanto o curso como o proxecto desenvolvido este ano no centro, “Valga en Camiño”, e celebraron un acto de graduación e despedida do alumnado de 5 anos que en setembro comeza un novo ciclo educativo nos colexios.
O CEP Xesús Ferro Couselo contou co contacontos Ignacio Vilariño para amenizar a mañá. O seu espectáculo “Rodari, rodari” reuniu a todos os alumnos do colexio no patio cuberto. Ademais, os estudantes de 4ºB fixeron unha representación teatral da obra “As laranxas máis laranxas de todas as laranxas”, de Carlos Casares. O punto e final ás actividades púxoo o acto de despedida dos alumnos de 6º de Primaria, que deixan o colexio para iniciar a súa etapa no instituto. Reuníronse no ximnasio onde se proxectou un vídeo sobre a súa etapa no centro e recibiron un agasallo de despedida.
No CEIP Plurilingüe Baño-Xanza houbo diversidade de actividades, comezando por obradoiros e xogos populares coma o aro, a ra ou os bolos. Ata o centro achegouse o mago Dani Polo, que realizou varios pases do seu espectáculo de ilusionismo no ximnasio. Algúns alumnos tiveron a ocasión de participar nos trucos e experimentar por uns momentos a sensación de facer maxia. Mentras, os máis cativos de Educación Infantil divertíronse con inchables no pavillón municipal.
Por último, no IES de Valga elixiron como despedida dous espectáculos de monicreques e contos. Títeres Alakrán puxo en escena “Barrigaverde ataca de novo”, unha función de humor sobre a idiosincrasia galega aínda que adaptada ao mundo contemporáneo. Outra das artistas convidadas foi Alba Grande, co seu espectáculo de xograría “Contos para derreter a cera”, no que combinou historias, canto e outras disciplinas.
Durante a mañá tamén houbo obradoiros a cargo de Animación Sociocultural Nydia e actuacións do alumnado de Música. Ademais, a ANPA Bella Otero quixo contribuír á festa aportando petiscos para o alumnado que foron elaborados polo servizo de cafetería do centro.