Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Poderán acceder a elas os veciños que participan no programa de compostaxe, para moer restos de podas domésticas

- O Concello dispón de seis minitrituradoras que foron adquiridas a través do Plan Revitaliza

PlenoDec2020 1

Valga, 22 de xuño de 2021.

O Pleno aprobou onte inicialmente e por unanimidade a ordenanza reguladora do servizo de préstamo de trituradoras a particulares para a xestión da biomasa domiciliaria.

A través deste servizo o Concello quere fomentar unha correcta xestión dos residuos de orixe vexetal xerados no ámbito municipal contribuíndo, deste xeito, a eliminalos do circuíto de recollida do lixo, a reducir o número de queimas e minimizar o risco de incendio e contaminación ambiental, e a obter un produto de valor engadido para o programa de compostaxe, no que os restos triturados destas podas e limpezas domésticas poden ser empregados como material estruturante.

O Concello dispón de seis minitrituradoras que foron adquiridas a través do Plan Revitaliza, financiado conxuntamente coa Deputación. O seu emprego limitarase a persoas físicas veciñas de Valga, para un uso particular e privado e sempre dentro dos límites territoriais do concello. Para optar ao préstamo é preciso darse de alta no servizo e contar cun composteiro individual no domicilio.

O emprego da maquinaria limitarase ao triturado de restos leñosos procedentes de podas domiciliarias: ramas de árbores froiteiras e ornamentais, viña ou restos de xardinería. A duración do préstamo será, como máximo, de tres días e á súa finalización realizarase unha revisión da trituradora para comprobar o seu estado e funcionamento. O usuario será responsable en caso de danos.

A ordenanza quedou aprobada inicialmente e ábrese agora un período de exposición pública de 30 días. En caso de que non se presenten alegacións, a normativa quedará aprobada definitivamente e entrará en vigor.

Na sesión ordinaria tamén se deu conta ao Pleno do informe de cumprimento dos prazos de pagamento, do informe de execución trimestral do orzamento e do pago a provedores, relativos nos tres casos ao primeiro trimestre do ano 2021. Por último, tamén se deu conta do informe sobre a remisión da liquidación do presuposto de 2020.

Volver