- Só se autorizaron lumes en fincas e terreos privados e o goberno local lembra que é obrigatorio cumprir as normas sanitarias en vigor
- O listado completo de cacharelas foi comunicado ao Distrito forestal e aos servizos de emerxencias
Valga, 22 de xuño de 2021.
O Concello de Valga tramitou un total de 96 solicitudes de permiso para fogueiras de San Xoán, unha cifra practicamente idéntica á do ano pasado, cando foran 93 as autorizacións concedidas. A parroquia que rexistrou un maior número de solicitudes veciñais foi a de Cordeiro, cun total de 31, seguida de Xanza con 26. En Valga están autorizados 18 lumes, en Setecoros 11 e en Campaña 10. O prazo de solicitude rematou onte ás 14:30 horas.
Para cumprir coa tradición na noite máis curta do ano, os veciños tiveron que cubrir un impreso nas oficinas municipais indicando a parroquia e o lugar no que se realizará a fogueira, quedando esta baixo a responsabilidade do solicitante que, coa súa sinatura, se compromete a adoptar as medidas de seguridade necesarias para evitar incidentes e escapes do lume e a cumprir as normas sanitarias que están en vigor. Por segundo ano consecutivo, debido á pandemia, só está autorizada a realización de fogueiras en fincas e terreos privados.
O listado completo de cacharelas autorizadas foi posto en coñecemento do Servizo de Defensa contra incendios do Distrito Forestal XIX Caldas-Salnés e dos servizos de emerxencias, que farán un seguimento para evitar posibles incidentes.
As normas de seguridade que deben cumprir as persoas que vaian a celebrar o San Xoán co acendido de fogueiras son as seguintes:
- Non facer moreas dunha altura excesivamente elevada para evitar problemas de seguridade
- Non facer a fogueira preto de lugares con vexetación
- Con exceso de vento non prender a fogueira
- Evitar usar nas fogatas materiais que co vento poidan provocar un incendio (ramas de eucalipto, papeis, etc.)
- Ter auga preto para actuar ante posibles escapes do lume
- Non utilizar na fogueira materiais contaminantes (pneumáticos, aerosois, etc.)
- Deixar a fogueira completamente apagada antes de marchar
- No caso de ter problemas debe chamar ao 085 ou ao 112 (a chamada é gratuíta)
- Cumprir as normas sanitarias en vigor para protexer a saúde de todos