- O Concello a dirección do centro xestionaron ante a Consellería de Educación a implantación desta nova especialidade
- Poden matricularse persoas con graduado en ESO a partir do día 25 de xuño
Valga, 21 de xuño de 2021.
As xestións realizadas nos últimos meses polo Concello e a dirección do IES de Valga para ampliar a oferta formativa deron os seus froitos e o centro impartirá no próximo curso 2021-2022 un novo Ciclo Medio de FP Dual, na especialidade de Mecanizado.
Trátase duns estudos que “habilitan para profesións coma torneiro, fresador, modelista matriceiro ou operador de robots industriais”, explica o director do IES, Eliseu Mera, que relaciona a aprobación deste ciclo por parte da Consellería de Educación “á grande demanda de profesionais por parte das empresas da contorna”. De feito, empresas punteiras do municipio e da comarca coma Extrugasa, Exlabesa, Aluminios Cortizo, STAC, Gama e Hijos, Thune Eureka, Maimbar, Soluciones Metálicas Jamardo e Mecanizados Oliveira xa plasmaran o seu compromiso por escrito de acoller a alumnos en prácticas deste ciclo.
Estas serán as empresas nas que o alumnado recibirá parte da súa formación, compatibilizándoa con sesións no propio instituto. Polo traballo nas empresas, os estudantes recibirán un salario en función do número de horas do contrato.
O prazo para tramitar a solicitude de admisión neste Ciclo Medio abrirase o día 25 de xuño. Está aberto a calquera persoa con graduado en ESO ou cunha titulación de rango similar ou superior.
Ademais deste novo ciclo, o IES de Valga mantén para o vindeiro curso o Ciclo Medio de Soldadura e Caldeiraría, nas modalidades ordinaria, dual e de adultos. “Son centos os alumnos titulados nestes estudos no IES que están a traballar en múltiples empresas do sector”, destaca o director.
Tamén seguirá impartíndose o Ciclo Superior de Construcións Metálicas, unha titulación que no próximo curso podería incorporar novidades. “Contamos con que poida ser ofertada como ciclo plurilingüe”, explica Eliseu Mera, o que “permitiría que o alumnado conte cun módulo no que se introduzan contidos en inglés e cunha formación, de carácter voluntario, de cincuenta e tres horas de Inglés técnico. O obxectivo é que os estudantes melloren a súa cualificación profesional e a súa formación continua, xa que gran parte das innovacións neste sector aparecen en congresos e en publicacións nesta lingua”.
O director do instituto salienta que “a práctica totalidade do alumnado” titulado nestes dous ciclos de Soldadura e Caldeiraría e Construcións Metálicas “pode acceder a un contrato laboral unha vez acabada súa formación”, xa que a demanda de profesionais do sector por parte das empresas da comarca é constante.