- O autor, Leoncio Feijoo Lamas, estivo acompañado no acto polo alcalde e o concelleiro de Cultura
- A obra revela datos novidosos sobre a traxectoria artística da diva da Belle époque
Valga, 9 de xuño de 2021.
O Auditorio do Museo da Historia acolleu este mediodía a presentación do libro “Carolina Otero. Primeras actuaciones documentadas”, un estudo sobre os inicios artísticos da Bella Otero realizado polo pontevedrés Leoncio Feijoo Lamas. O acto contou coa participación do alcalde, José María Bello Maneiro, e do concelleiro de Cultura, Pedro Calvo.
A publicación abarca o período comprendido entre os anos 1887 e 1890, unha época bastante descoñecida da traxectoria de Carolina Otero. A base documental é a prensa da época, en concreto máis de 20 rotativos franceses que o autor consultou a través do arquivo dixital da Biblioteca Nacional de Francia, e tamén prensa española, especialmente xornais barceloneses.
A primeira noticia que Leoncio Feijoo localizou sobre a Bella Otero provén de Francia e data de 1887: “Morena como ningunha, pel escura de oriental, pestanas e cellas que ensombrecen o rostro, e naturalmente o sorriso, que é raro, revela perlas. Esta moza estranxeira é sevillana, aos encantos da súa persoa, une os talentos do seu país; baila as seguidillas e manexa as tarrañolas como ningunha española o fixo ata agora. A señorita Carolina Otero non ten nin vinte anos. Escoitarémola e verémola pronto, e será unha forte atracción parisina”, auguraba aquela reseña.
Desta primeira aparición en prensa, o autor extrae unha primeira conclusión, ata agora inédita, sobre a traxectoria artística da Bella Otero: “trunfou antes en Marsella que en Barcelona e isto rompe coa liña narrada polos biógrafos” da diva da Belle Époque.
O libro continúa o seu relato cronolóxico coa estancia da Bella Otero en Barcelona en dúas etapas, entre maio e agosto de 1889 e no inverno de 1890. Da primeira época son as primeiras críticas artísticas escritas sobre bailarina, así como a súa primeira aparición nunha portada exclusiva dun medio impreso ou o primeiro retrato da súa vida artística, que se publica na portada do semanario catalán La Tomasa en xullo de 1889 e que Leoncio Feijoo utilizou para ilustrar a portada da súa publicación.
Finalmente, o estudo abarca as primeiras actuacións en París, en torno a 1890, e péchase o traballo coa marcha de Carolina Otero a Nova Iorque, de onde regresaría a Europa en abril de 1891 xa convertida nunha estrela de fama mundial.
Outro dos asuntos máis destacables, a xuízo do autor, sobre o contido do libro e os datos novidosos que aporta á biografía da Bella Otero é a súa importante relación co xénero da zarzuela, cando ata o de agora, era máis recoñecida a súa vinculación co flamenco.
Leoncio Feijoo agarda que este libro axude “a coñecer mellor á Bella Otero” como artista e a “rebaixar o perfil un tanto frívolo que acostuman a ofrecer os biógrafos”. A obra está á venda en librerías de Pontevedra e tamén pode adquirirse contactando co autor a través do enderezo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. .
O alcalde deulle a “noraboa” polo traballo de documentación realizado, que permitiu sacar á luz “información da que non tiñamos coñecemento sobre o personaxe máis importante de Valga”. Lembrou, ademais, que o autor, é unha persoa moi vencellada a Valga e que foi gañador ata en tres ocasións da segunda modalidade do premio Xesús Ferro Couselo.