- A reunión foi promovida polo Concello despois de que os empresarios plantexaran esta problemática na comida de traballo que mantiveron co alcalde e a concelleira de Emprego o día 2 de febreiro
- A Consellería de Economía e Industria financia a formación de desempregados e tamén de traballadores xa en plantel
Valga, 22 de febreiro de 2018.
Empresarios de Valga participaron na tarde de onte no Auditoiro Municipal nun encontro co director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, no que recibiron información sobre as liñas de axudas ás que poden acollerse para formar traballadores á carta, tanto desempregados como persoal que xa teñan en plantel. A reunión foi solicitada á Consellería de Economía, Emprego e Industria polo Concello despois da comida de traballo que tivo lugar o pasado 2 de febreiro e na que os empresarios locais solicitaron ao alcalde, José María Bello Maneiro, e á concelleira de Emprego e Industria, Carmen Gómez, intermediación a este respecto.
Contar con persoal cualificado e cunha formación adaptada ás necesidades das empresas é unha das principais problemáticas ás que ten que facer fronte o tecido industrial hoxe en día, e así o plantexaron os empresarios e o recoñeceu o director xeral. Alfonso Marnotes informou aos empresarios das “ferramentas” que a Xunta de Galicia pon á súa disposición para solventar esta carencia e poder formar a traballadores á carta.
Por unha parte, o representante da Consellería de Economía e Industria falou das unidades formativas dirixidas a persoas desempregadas financiadas pola Xunta. As empresas poden elaborar as súas propias unidades formativas específicas cos contidos que elas consideren precisos e máis adaptados ás súas necesidades de persoal. Débese formar a un mínimo de 15 persoas cun compromiso de contratación do 40% dos participantes durante alo menos 6 meses a xornada completa ou 9 meses a media xornada. Incluso existe a posibilidade de que varias empresas do mesmo sector ou coas mesmas necesidades se agrupen para solicitar á Consellería unha determinada unidade formativa conxunta. A Consellería de Industria faríase cargo dos costes de formación (material, docentes e outros) e tamén dos seguros dos participantes.
Por outra parte, Alfonso Marnotes, explicou que tamén existe financiación autonómica para a formación de traballadores xa en plantel e na propia empresa. Tanto nun como noutro caso, o alcalde amosouse disposto a ceder instalacións do Concello para impartir estes cursos e unidades formativas.
Os representantes de empresas do metal trasladaron, tamén, ao director xeral outras cuestións no tocante á formación. A principal, a obrigatoriedade que recolle o novo convenio estatal de formar a todos os seus traballadores, tanto os que xa están en plantel como os que se vaian incorporando progresivamente, en riscos laborais o que, a xuízo dos empresarios, suporá un importante desenvolso económico e tamén unha merma na produción. Por iso, plantexaron a Alfonso Marmotes que esta formación se inclúa tamén nas liñas de axudas que ten abertas a Consellería de Economía e Industria.