Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- No CEIP Baño-Xanza habilitarase un acceso cuberto e no IES continuarase a instalación de cuberta nun dos patios

- O Concello tamén está a executar melloras no colexio, co acondicionamento das paredes dos corredores

ConselleiroCole1

Valga, 27 de maio de 2021.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, visitou esta mañá o colexio Baño-Xanza e o instituto para anunciar o próximo investimento de 300.000 euros en obras de mellora das súas instalacións. O responsable autonómico estivo acompañado polo alcalde, José María Bello Maneiro, e os concelleiros de Educación, Carmen Gómez; Cultura, Pedro Calvo; e Turismo, Malena Isorna. Tamén asistiron os equipos directivos dos dous centros, cos directores Eva Zumalave e Eliseu Mera á cabeza.

As obras no colexio de Baño darán comezo no mes de xuño e consisten no acondicionamento dun espazo para circulación e acceso cuberto ao centro, por un importe de 48.400 euros. A Consellería vén de encargar o proxecto. Está prevista a colocación dunha cuberta con estrutura metálica e panel sandwich e o acondicionamento do espazo mediante a limpeza e arranxo da fachada, a apertura de ocos, instalación eléctrica e colocación de pavimento vinílico e falso teito. Tamén se pintarán as paredes.

As actuacións completaranse coa colocación de pavimento de linóleo e laminado nas aulas e a substitución da porta e da varanda de entrada ao centro.

Román Rodríguez aproveitou a visita ao CEIP Baño-Xanza para comprobar o resultado das obras de reforma integral executadas o pasado verán e nas que se investiron máis de 850.000 euros. “Un centro de case cincuenta anos de antigüidade quedou practicamente coma novo”, sinalou o conselleiro. O alcalde engadiu que esa importante reforma respondeu “á demanda do profesorado e dos pais de alumnos, porque nun centro antigo coma este as necesidades eran notables.

Por iso agradecemos á Consellería que habilitara unha partida tan importante”. Por outra parte, Bello Maneiro explicou que o Concello está actualmente a executar melloras neste colexio, en concreto obras en todos os corredores, coa retirada dos azulexos para o posterior acondicionamento das paredes. “Este é un Concello que presta moi boa atención aos seus centros educativos”, destacou o conselleiro.

A continuación, Román Rodríguez desprazouse ata o IES de Valga, no que a Consellería ten encargado outro proxecto –cun investimento estimado de 250.000 euros– para rematar de cubrir un dos patios do centro. No pasado verán iniciouse a actuación coa instalación da cuberta nas gradas, está prevista a súa continuación sobre a pista polideportiva.

ConselleiroCole2 ConselleiroCole4

ConselleiroCole13 ConselleiroIES1

ConselleiroIES2 ConselleiroIES3

Volver