- A celebración tivo lugar ao aire libre, seguindo os protocolos anti-Covid, coa asistencia do alcalde e da concelleira de Educación
- O rexedor garantizou que o Concello sempre estará apoiando ao IES e manifestou o seu desexo de que se consiga ampliar a oferta formativa
Valga, 22 de maio de 2021.
O IES de Valga celebrou o acto de graduación do alumnado de 2º curso de Bacharelato, un total de 26 estudantes que pechan unha etapa educativa despois de seis anos no instituto.
O acto, presentado por Pedro Ramos, celebrouse ao aire libre, no patio do centro e seguindo o protocolo anti-Covid elaborado polo IES baixo as directrices da Consellería de Educación. Ademais dos alumnos protagonistas, asistiron familias, profesorado, o presidente da ANPA Bella Otero, Juan Carlos Sanmarco, e en representación do Concello o alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira de Educación, Carmen Gómez.
A pandemia marcou os últimos anos de instituto desta xeración de estudantes. Así o remarcou o director, Eliseu Mera, ao indicar que “lles tocaron os dous anos máis difíciles nos que podían ter cursado Bacharelato”. Ademais, sinalou que grazas ao protocolo implantado a comezos deste curso e á responsabilidade da comunidade educativa “conseguimos que non houbera transmisión de Covid dentro do noso centro”, senón soamente casos importados.
Na súa intervención, o alcalde transmitiu os parabéns aos recén graduados “polo traballo realizado nestes dous anos de moitas dificultades”. Referiuse a eles coma “o presente e o futuro” do noso concello e auguroulles “éxitos”. O rexedor garantizou que o Concello “sempre estará apoiando ao IES” e manifestou o seu desexo de que a Consellería de Educación tamén o faga ampliando a oferta educativa do centro para que sexa unha referencia na contorna e poida seguir medrando en alumnado.
Interviñeron tamén no acto os mestres elixidos como padriños e madriñas da promoción: Víctor González, Raúl Gómez, Loli Rego e Mar Tejero. Os dous primeiros instaron a este grupo de alumnos a “ser curiosos, rebeldes e ter inquedanzas” na nova etapa que agora comeza, xa sexa afrontando novos retos formativos ou laborais. As madriñas, pola súa parte, amosáronse orgullosas de ser partícipes da formación académica e do proceso de evolución vital desta xeración de estudantes.
Os graduados recibiron os seus correspondentes diplomas e María Ortigueira Piñeiro foi galardoada como a alumna co mellor expediente. En representación de todos eles, Óscar Ferreiro referiuse ao de onte como “un día agridoce, xa que deixaremos de compartir aula” despois de 6 anos sendo compañeiros, pero tamén un día que culmina o “gran traballo que realizamos alumnos e profesores durante estes anos tan atípicos e diferentes”.
O acto de graduación estivo amenizado por un grupo de alumnos de Música de 4º da ESO e 1º de Bacharelato, dirixidos por Manuel Villar.