Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O prazo para tramitar as inscricións estará aberto ata o día 30 de xuño

- O Concello aporta os materiais para executar as obras e outorga premios de 300, 200 e 100 euros aos participantes e un galardón especial de 150 euros á mellor conservación

 

Valga, 21 de maio de 2021.

O Concello convoca un ano máis o concurso “Embelecer Valga”, que pretende implicar á veciñanza no coidado e rehabilitación de espazos e zonas comúns do municipio para o seu posterior desfrute por parte de toda a poboación.

O certame premia ao lugar máis fermoso acondicionado polos veciños, que deberán agruparse para levar a cabo accións consistentes na limpeza, mellora, dotación de equipamentos ou ornamentación. Deste xeito, búscase poñer en valor os espazos cos que conta o concello, fomentar o traballo comunitario e a integración social e promover o respecto polos lugares e mobiliario públicos.

Poden participar comisións de carácter veciñal, asociativo ou de calquera outro tipo, que deben entregar no Concello unha solicitude encabezada por un representante e asinada por un mínimo de tres membros. Ademais, teñen que entregar unha pequena memoria descritiva das accións de mellora a desenvolver e os materiais que se estimen precisos, incluíndo fotografías que reflexen o estado actual do lugar no que se levarán a cabo as actuacións. O Concello será o encargado da dotación do material preciso.

O prazo para presentar as solicitudes finaliza o día 30 de xuño e as obras terán que estar rematadas na penúltima fin de semana de agosto, cando o xurado visitará os lugares para a súa avaliación.

O tribunal estará composto polos concelleiros de Medio Ambiente, Cultura, Turismo e Patrimonio e un representante de cada comisión participante. Valoraranse aspectos como adecuación final á memoria presentada, a orixinalidade e a creatividade nos deseños e elementos decorativos, o aproveitamento dos recursos e materiais da zona, a conservación e deseño de espazos verdes coma xardíns e áreas recreativas, a recuperación de elementos existentes no lugar e o fomento da cultura e da tradición locais.

O proxecto mellor valorado será premiado con 300 euros, o segundo recibirá 200 euros e o terceiro, 100 euros. Os tres primeiros clasificados recibirán tamén un trofeo e o resto de participantes serán gratificados con 100 euros e un diploma conmemorativo.  Ademais, outorgarase un premio especial de 150 euros á comisión que mellor manteña e conserve o estado do lugar durante todo o ano. Este premio entregarse na edición seguinte.

Os gañadores daranse a coñecer durante a celebración da XXXI Festa da Anguía e Mostra da Caña do País. 

Solicitude de participación

Bases completas

EMB3

 

Volver