- A primeira sesión terá lugar o venres, 28 de maio, a partir das 17:00 horas no Auditorio
- As persoas interesadas en participar poden inscribirse no CIM ou no Auditorio, e tamén por teléfono (636 75 79 69)
Valga, 20 de maio de 2021.
A Concellería de Igualdade e Benestar Social organiza un obradoiro de habilidades sociais dirixido ás mulleres de Valga e que dará comezo o vindeiro 28 de maio no Auditorio Municipal a partir das 17:00 horas.
Esta iniciativa centra a súa atención en ofrecer ferramentas prácticas de intervención e prevención ás mulleres de Valga en situación de vulnerabilidade. Así, as diversas sesións están enfocadas a crear un espazo seguro para a abordaxe do empoderamento feminino, tanto a nivel grupal como individual; a través do tratamento de diferentes contidos relacionados coa adquisición de habilidades sociais, o crecemento persoal e o desenvolvemento da autonomía.
Atención, información, orientación, formación, recoñecemento e acompañamento serán os piares básicos nos que se centrarán as actuacións, traballando habilidades sociais, autoestima, comunicación, formación e relacións afectivas entre outros aspectos.
As mulleres interesadas en participar poden inscribirse no CIM, no Auditorio, a través do correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. ou nos teléfonos 636 75 79 69 e 659 06 37 14. O prazo estará aberto ata o día 26.
A actividade forma parte do proxecto de intervención e prevención con mulleres en especial vulnerabilidade presentado polo Concello ante a Deputación para o fomento da igualdade de oportunidades e a prevención da violencia de xénero.