- Os concelleiros Malena Isorna e Pedro Calvo representan ao Concello na Feira Internacional do Turismo que se inaugurou hoxe en Madrid
- O proxecto impulsado xunto a Vilanova, Catoira e Pontecesures divulga a ruta marítimo-fluvial e os atractivos culturais, históricos e gastronómicos deste territorio
Valga, 19 de maio de 2021.
Valga presentou esta tarde en Fitur as súas credenciais como destino turístico como parte da marca “Mar de Santiago”, constituída xunto cos concellos de Vilanova, Catoira e Pontecesures para promocionar a ruta marítimo-fluvial e, da súa man, os demais recursos culturais, históricos, paisaxísticos e gastronómicos destes territorios.
A concelleira de Turismo, Malena Isorna, e o concelleiro de Cultura, Pedro Calvo, están a representar ao Concello nesta Feira Internacional do Turismo. Esta tarde participaron na presentación “Mar de Santiago – Camiño á orixe” no stand de Galicia, coa asistencia da vicepresidenta segunda do Congreso, Ana Pastor, o vicepresidente da Xunta e conselleiro de Turismo, Alfonso Rueda, e de touroperadores, axentes de viaxes e outros representantes do sector turístico.
“Mar de Santiago” quere potenciar o primeiro Camiño de Santiago da historia, a ruta tamén coñecida como “Translatio” pola que chegaron no século I os restos do Apóstolo procedentes de Jaffa, dando orixe ao fito xacobeo. En Fitur presentáronse as guías e folletos editados e a páxina web www.mardesantiago.com, que entrou en servizo esta mesma tarde e dende a que se divulgan os recursos turísticos cos que contan os catro concellos promotores. Durante o acto tamén se proxectou o vídeo promocional da ruta, con música de Roi Casal, no que cobran protagonismo a transición entre o mar e o río, o turismo de natureza, a gastronomía e o enoturismo e, no caso concreto de Valga, espazos como as fervenzas, a área fluvial de Vilarello, o Parque Irmáns Dios Mosquera ou o Museo da Historia.
Na presentación interviron, en representación dos catro concellos, os alcaldes de Vilanova e Pontecesures. Gonzalo Durán calificou de “triste” que os peregrinos “despois do esforzo que supón gañar o xubileo e chegar a Santiago, collan un avión e marchen sen coñecer o noso territorio e sen saber que a poucos quilómetros de Compostela hai río, hai mar, hai cultura, hai gastronomía...”. De aí que “Mar de Santiago” non só teña entre os seus obxectivos promocionar a ruta marítimo-fluvial, senón tamén atraer a peregrinos doutras rutas para que, unha vez cheguen ao Obradoiro, conten con alternativas culturais e de ocio nos municipios de “Mar de Santiago”.
Juan Manuel Vidal Seage, pola súa parte, remarcou que este é “o Camiño orixinal, o verdadeiro Camiño”, mentras que Ana Pastor referiuse á ampla “variedade de atractivos naturais, históricos, artísticos e gastronómicos” que poden ofrecer estes concellos.
O encargado de pechar o acto foi o vicepresidente Alfonso Rueda, que louvou a iniciativa de Valga, Pontecesures, Catoira e Vilanova porque “Santiago necesita un mar”. O responsable autonómico de Turísmo apuntou que “o Xacobeo vai ser o motor da recuperación en Galicia”, á que puxo como exemplo de destino seguro pola diversidade de espazos abertos, áreas naturais e paraxes non masificadas que ofrece.
A expedición de “Mar de Santiago” abriu a súa presenza en Fitur esta mañá asistindo á presentación do stand de Galicia a cargo do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, realizando promoción da marca entre membros doutras delegacións e participando en videoconferencias con touroperadores para dar a coñecer a ruta marítimo-fluvial. Mañá participarán nunha segunda xornada de traballo na feira.