Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O alumnado asistiu a unha actuación do monologuista Quico Cadaval e a un espectáculo de monicreques

- Durante os actos lembrouse a figura de Xela Arias, autora homenaxeada este ano no Día das Letras

LetrasIES1

Valga, 14 de maio de 2021.

O IES de Valga non fallou á súa cita coas Letras Galegas. Aínda que a pandemia non permitiu este ano celebrar a tradicional Carreira pola Lingua, o centro adaptouse á situación sanitaria organizando un festival con diversas actividades deportivas e culturais nas que participou o alumnado de ESO, Bacharelato e FP Básica.

Os estudantes repartíronse entre os dous patios cos que conta o recinto do instituto para disputar varias probas deportivas. Trala entrega de medallas aos gañadores, todos repuxeron forzas cunha merenda a base de froita e leite, xusto antes de dar comezo as actuacións de Quico Cadaval e Títeres Alakrán, que foron alternando de patio para que todo o alumnado puidera desfrutar dos seus espectáculos.

O monologuista de Riveira relatou historias e contos humorísticos, mentres que a función de monicreques “O pequeno cabaret de tolos” ofreceu unha viaxe musical arredor do mundo, repasando os distintos estilos musicais da man de artistas coma o gaiteiro Avelino Cachafeiro, Jimi Hendrix, Camarón ou Monserrat Caballé, entre outros.

Durante a mañá houbo lembranzas para a autora homenaxeada este ano pola Real Academia no Día das Letras Galegas, que se celebra o vindeiro luns: Xela Arias. Recordouse a súa biografía e léronse pasaxes da súa obra.

A música tivo tamén reservado un espazo na programación, con actuacións a cargo de alumnos que forman parte da Banda Municipal. Abriron as actividades coa interpretación do Himno Galego e realizaron varios pasarrúas entre os dous patios nos que se desenvolveu o festival. Para rematar a xornada de celebración, Miguel Sotelo impartiu un obradoiro de muiñeira.

LetrasIES2 LetrasIES3

LetrasIES4 LetrasIES5

LetrasIES6 LetrasIES7

 

Volver