- Con sede en Baño, o GES presta servizo tamén nos municipios de Pontecesures, Catoira, Caldas de Reis e Portas
- Os seus efectivos retiraron 213 niños de vespa velutina, prestaron asistencia en 129 incidencias de tráfico e actuaron en 48 incendios
Valga, 20 de febreiro de 2018.
O Grupo de Emerxencias Supramunicipal de Valga realizou durante o pasado ano 2017 un total de 1.523 intervencións, tanto en territorio valgués como nas localidades de Pontecesures, Catoira, Caldas de Reis e Portas, nas que tamén presta servizo o GES con base en Baño.
O groso das actuacións, ata 1.318, correspondéronse con traballos de protección civil. Os efectivos de emerxencias realizaron durante o pasado exercicio 550 colaboracións co Concello, fundamentalmente na execución de tarefas que teñen encomendadas e entre as que destacan o desbroce e mantemento en rotondas, na lagoa Mina Mercedes, no embarcadoiro da praia fluvial de Vilarello, nos xacementos Igrexa Vella e Mercado dos Mouros ou nas escolas unitarias.
Tamén dentro deste grupo, é salientable a retirada de 213 niños de vespa velutina e a posta en coñecemento da súa localización á Xunta de Galicia para incorporar os datos ao Programa de Vixiancia e Control da Vespa Velutina en Galicia. Segundo a Consellería de Medio Rural, durante o ano 2017 localizáronse en Valga máis dun cento de niños desta especie de vespa, o que representa un importante aumento da súa presenza no municipio con respecto a 2016, cando se detectaran entre 6 e 25 niños.
Os doce efectivos cos que conta o GES de Valga participaron en 2017 no control de 180 aglomeracións humanas e colaboraron na busca de catro persoas desaparecidas. Ademais, recolleron 69 animais feridos, mortos ou abandonados e actuaron en sete casos de vertidos medioambientais. En dúas ocasións foilles solicitada a súa colaboración por parte das Forzas de Seguridade, ben Policía ou Garda Civil.
No tocante aos accidentes e ao tráfico, foron 129 as intervencións realizadas durante o pasado ano, das que 54 se corresponderon con asistencia a vehículos e outras 27 con asistencia sanitaria. O GES actuou en dous casos de atropelo de persoas. Ademais, foi requerido ata en 44 ocasións por conductores que alertaron sobre a presenza de animais soltos en estradas e vías de comunicación. Tamén no capítulo de accidentes, o Grupo de Emerxencias actuou en catro sinistros laborais.
Foron 48 os incencios que contaron coa intervención do GES de Valga, a maioría deles (29) lumes forestais sen que en ningún caso se viran afectadas vivendas. Tamén actou en nove incendios urbanos, tres en vehículos e outros tres incendios eléctricos.
Por último, os efectivos do grupo supramunicipal colaboraron en catro traslados sanitarios, actuaron nun escape de gas e interviñeron no control de riscos por material pirotécnico en 19 ocasións.