- Presta servizo dende esta semana os martes e os xoves
- A súa acción céntrase nos colectivos máis vulnerables: enfermos crónicos, vítimas de violencia de xénero ou menores, entre outros
Valga, 5 de maio de 2021.
O Servizo Galego de Saúde (Sergas) acaba de reforzar a atención primaria no Centro de Saúde de Valga cunha nova profesional sanitaria que se incorpora ao equipo asistencial. Trátase dunha traballadora social que prestará servizo en Baño os martes e xoves e atenderá tamén aos veciños de Pontecesures.
A incorporación é efectiva dende esta mesma semana, tal e como llo comunicaron ao alcalde dende o Sergas.
Esta traballadora social integrarase no equipo multidisciplinar de atención primaria que presta servizo no Centro Médico valgués, co obxectivo de actuar ante determinadas situacións sociais que afectan á saúde da poboación. A intervención social forma parte dos diferentes programas de atención sanitaria dirixidos a sectores concretos da poboación que poden presentar maior vulnerabilidade social: enfermos crónicos, menores, mulleres vítimas de violencia de xénero, persoas con enfermidade mental ou persoas en risco de exclusión social, entre outros.
A súa función será tanto preventiva coma asistencial e rehabilitadora.