- Os estudantes de ESO participaron nun concurso de cantigas que eles mesmos compuxeron
- As clases de 3ºA e 3ºB gañaron os dous premios que estaban en xogo: unha xornada no kartódromo e un vale para a cafetería do instituto
Valga, 4 de maio de 2021.
O alumnado e profesorado do IES de Valga celebraron onte a Festa dos Maios no patio exterior do recinto educativo.
Os estudantes dos catro cursos de Educación Secundaria foron os protagonistas desta celebración propia da tradición folclórica galega, coa que se festexa a entrada da primavera. Pola mañá elaboraron un maio tradicional, adornado con flores, follas e ovos, e pola tarde participaron nun concurso de cantigas.
As diferentes clases cantaron as coplas satíricas que compuxeran nas xornadas anteriores, nalgúns casos acompañados tamén de música de percusión, pandeiretas ou piano. A pandemia, a actividade do instituto ou a actualidade foron algúns dos temas que centraron as súas críticas.
Un xurado formado por un representante da ANPA “A Bella Otero”, outro do profesorado e unha alumna de Bacharelato valorou as diferentes actuacións para outorgar os dous premios que estaban en xogo: un vale para o kartódromo (agasallo da ANPA) e un vale para a cafetería do IES.
Os gañadores do primeiro premio foron os rapaces de 3ºA e o segundo premio recaeu en 3ºB.