Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O proxecto promocionará a ruta marítimo-fluvial a Santiago e os recursos culturais e turísticos dos municipios participantes

- Trala xuntanza realizaron unha visita ao Museo para coñecer a historia e o patrimonio do noso municipio

MarSantiagoMuseo1

Valga, 3 de maio de 2021.

Valga acolleu esta mañá unha reunión dos alcaldes dos catro concellos integrados na marca “Mar de Santiago” para ultimar detalles da súa presentación na Feira Internacional de Turismo (Fitur) en Madrid os vindeiros días 19 e 20 de maio. En representación de Valga participaron na xuntanza o alcalde, José María Bello Maneiro, e os concelleiros de Turismo e Cultura, Malena Isorna e Pedro Calvo. Tamén asistiron os rexedores de Vilanova de Arousa, Catoira e Pontecesures, así coma os técnicos que traballan no desenvolvemento da marca a nivel turístico.

“Mar de Santiago” é un proxecto que pretende promocionar os catro concellos participantes e facelos visibles no marco do Xacobeo 21-22 a través da a ruta marítimo fluvial a Compostela, o primeiro Camiño de Santiago da historia. Por esta ruta, coñecida tamén como “Translatio” chegaron no século I os restos do Apóstolo Santiago procedentes de Jaffa, dando orixe ao fito xacobeo.

Impulsaranse accións turísticas para atraer peregrinos a esta ruta e convertela nun motor económico para os municipios de “Mar de Santiago”, ofrecéndolles aos visitantes alternativas culturais e de ocio en todos eles, de xeito que, a súa viaxe por augas da Ría de Arousa e do Río Ulla se acompañe con visitas aos principais recursos de cada localidade.

Tamén se tentará atraer aos peregrinos que cheguen a Compostela a través doutros camiños, ofrecéndolles a posibilidade de dar continuidade á súa peregrinación realizando a continuación a ruta marítimo fluvial para coñecer os territorios de “Mar de Santiago”.

Os traballos de cara a posta de largo do proxecto céntranse agora “na parte organizativa, na creación da imaxe e no desenvolvemento turístico do proxecto para presentalo en Fitur”, explicou o técnico Jesús Ares trala xuntanza desta mañá. “Estamos convencidos de que este destino ten futuro, tanto no mercado local de Galicia, como a nivel nacional e incluso internacional”, sinalou.

Trala reunión de traballo, os representantes dos distintos concellos realizaron unha visita ao Museo da Historia para coñecer máis polo miúdo algúns dos recursos turísticos cos que conta Valga, así coma o patrimonio e os persoeiros ilustres do noso concello.

 

MarSantiagoMuseo2 MarSantiagoMuseo3

MarSantiagoMuseo4

Volver