- A iniciativa “O Museo en Camiño” desenvolveuse no Parque Irmáns Dios Mosquera con todas as prazas cubertas
- O taller divulgou os valores do Camiño e as principais obras que atesoura o Museo provincial
Valga, 1 de maio de 2021.
Algunhas das principais obras e pezas patrimoniais que atesoura o Museo de Pontevedra achegáronse onte aos rapaces de Valga da man do obradoiro creativo “O Museo en Camiño”. Esta actividade, que se desenvolve no marco do programa “O teu Xacobeo”, da Xunta de Galicia, está a percorrer todas as vilas polas que discorre o Camiño Portugués para divulgar tanto os valores da Ruta Xacobea coma os fondos do Museo provincial.
O taller plástico realizouse nos exteriores do Centro de Interpretación da Caña do País coa participación de dez nenos de entre 6 e 12 anos de idade. Cubríronse, deste xeito, todas as prazas dispoñibles, que eran limitadas para cumprir as medidas sanitarias anti-Covid.
Os participantes comprobaron o que agochaba a “maleta viaxeira”: réplicas dalgunhas das pezas máis destacadas do museo, coma o Tesouro de Caldas, a Laxe das Picadas, o busto bifronte de Xano, un Santiago Pelegrín do século XVII ou a pintura “Santa Tegra” de Urbano Lugrís, entre outras.
De entre todas as obras, os rapaces de Valga fixáronse especialmente nunha: o cadro “Mulleres parolando” de Luis Seoane. Empregando recortes, crearon as súas propias figuras intentando imitar o estilo de Seoane, con cores rechamantes e moito contraste.