- Tamén se instalaron tubaxes para a recollida de pluviais e colocáronse redutores de velocidade
- As obras leváronse a cabo dentro do Plan de Infraestruturas Rurais da Xunta
Valga, 30 de abril de 2021.
O Concello e a Consellería do Medio Rural veñen de investir 48.304 euros na mellora dunha pista municipal que discorre entre os lugares de Devesa e Montiño, na parroquia de Campaña. A actuación incluíuse dentro das obras subvencionadas polo Plan de Infraestruturas Rurais (PIR), que ten coma un dos seus obxectivos o acondicionamento de espazos rurais para favorecer a mobilidade.
As obras, que remataron nos últimos días, incluíron a colocación de tubaxes para a recollida de augas pluviais nun tramo de 70 metros. A vía foi dotada en toda a súa lonxitude dun novo pavimento con base de grava e aglomerado en quente. Tamén se instalaron sumidoiros de recollida de pluviais en arqueta de ladrillo cerámico e tres pozos de rexistro.
A actuación completouse coa colocación de redutores de velocidade para maior seguridade viaria na zona.
Co acondicionamento desta vía, que nun proxecto anterior fora ensanchada, o Concello trata de ofrecer un servizo axeitado aos usuarios dotando dun acceso apropiado tanto ás parcelas coma ás edificacións existentes na zona.