- Os traballos, que son executados pola empresa valguesa Pabesasenín, inclúen o peche da estrutura para crear un espazo de reunións
- Os veciños trasladaron a necesidade de dispor dun espazo para xuntanzas e outras actividades
Valga, 29 de abril de 2021.
O Concello está a executar obras de acondicionamento no palco de música existente no entorno da Ermida da Saúde, en Casaldeirigo (Setecoros).
A edificación rectangular ampliouse pola súa parte traseira utilizando pedra granítica abuxardada e tella cerámica para a cuberta. Neste novo espazo habilitaranse aseos públicos, un servizo co que non se contaba ata o de agora nin na capela nin no seu entorno. Ademais, tamén se creou unha zona de almacén.
O palco estase a pechar pola súa fronte con carpintería de aluminio anodizado cor bronce, en cerramento acristalado formado por catorce follas con sistema corredizo e plegable. Deste xeito, aténdese a petición dos veciños do lugar, que trasladaron ao Concello a necesidade de dispor dun espazo vencellado á Ermida para empregalo como local de reunións e outras actividades.
O proxecto complétase coa mellora da accesibilidade ao palco, mediante a construción dunha rampla pola parte traseira da edificación para permitir o acceso de persoas con mobilidade reducida.
As obras, que contan cun orzamento de 37.933’29 euros, fináncianse a través do Plan Concellos 2020 da Deputación.