- O Secretario Xeral de Educación da Xunta e o Subdirector de FP visitaron esta mañá o centro
- O alcalde e a concelleira de Educación acompañaron aos representantes autonómicos
Valga, 28 de marzo de 2021.
O alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira de Educación, Carmen Gómez, acompañaron esta mañá ao Secretario Xeral de Educación da Xunta de Galicia, José Luis Mira, e ao Subdirector Xeral de FP, Carlos Vázquez, nunha visita ao IES de Valga para estudar a posible ampliación da oferta educativa do centro con novos ciclos e especialidades.
Os responsables municipais e o director do IES, Eliseu Mera, solicitaron aos representantes da Consellería de Educación a implantación dun Ciclo Medio de Mecanizado na modalidade de formación dual. Cóntase, para elo, co apoio do empresariado do municipio e da contorna, co que recentemente se mantivo unha reunión para sondear o seu interese en acoller aos futuros alumnos en prácticas. Empresas como Extrugasa, Exlabesa, ODL, Barton Maquinaria, Eiras e Iglesias e Soluciones Metálicas Jamardo, Mecanizados Oliveira, Tune Eureka, Maimbar, Stac ou Aluminios Cortizo xa plasmaron o seu compromiso por escrito.
Ademais, o alcalde e o director tamén propuxeron ampliar o abano formativo con outras dúas especialidades.
O Secretario Xeral e o Subdirector fixeron un percorrido polas instalacións do IES, tanto aulas coma talleres, para comprobar os espazos dos que dispón o centro de cara a esta posible ampliación da súa oferta. Na visita tamén participaron o secretario e a xefa de estudos do IES.
Reforzo do transporte escolar dende Catoira
Tamén en relación ao IES, a Xunta anunciou a comezos desta semana o reforzo, a partir do luns día 3, do servizo de transporte dende Catoira para facilitar o desprazamento dos estudantes que cursan os seus estudos no instituto de Valga.
Deste xeito, dáse resposta á solicitude tanto do IES coma da ANPA do colexio Progreso para dispor dunha liña de transporte público que lles permita aos estudantes catoirenses facer uso da oferta educativa do IES de Valga, que non se atopa noutros centros dos concellos limítrofes.